Agora mesmo poucos xogadores poden dicir que sinten as cores como o fai Juan Manuel Cabrejo Pasantes. O lateral de Camariñas colga as botas aos 41 anos despois de 20 anos no fútbol profesional pasando por equipos como o Eibar, o Elche ou o Cartagena, aos que incluir, como non, o Compos onde debutou en Segunda e que deixa en Terceira logo dunha tempada onde deixou mostras de que a calidade e o nivel non teñen nada que ver coa idade.
Comezos no Compos.
Cabrejo chegou a Santiago alá por 1997 procedente das filas do Betanzos CF. Asinou un ano polo filial branquiazul e foi o 6 de setembro de 1998 cando se estreou en partido oficial co primeiro equipo no Estadio Romano ante o Mérida xogando algo máis de media hora na vitoria dos nosos.
Foi na 98/99 cando a lenda de Camariñas amosou o seu nivel en San Lázaro acompañado de homes como Fabiano, Bellido, Coira, Lekumberri, Popov, Nacho... grandes xogadores que, coma el, sempre estarán na historia do noso equipo. Nesa mesma tempada chegou a facerse co posto no lateral da zaga xogando un total de 23 partidos, 11 deles como titular, superando os mil minutos e anotando un gol no empate en San Lázaro ante o Sporting de Xixón, o 1-0.
Unha tempada e media máis se puido desfrutar do xogo de Cabrejo en Santiago sumando un total de 51 partidos, case 3.000 minutos e tres goles antes da marcha ao Eibar en xaneiro do ano 2001 despois de non contar case con minutos na Esedé.
Paso por varios equipos.
Logo de saír do Compos asinou co Eibar de Segunda división debutando o 14 de xaneiro no Helmántico ante o Salamanca. Unha campaña que remataría cun gol ante o Universidad de Las Palmas en Ipurúa e sumando só tres derrotas co seu novo equipo.
Na seguinte campaña, tamén nas filas do equipo vasco, non contou con tódolos minutos desexados xogando só cinco partidos completos e sendo titular en tres máis. Anotaría ademais dous goles defendendo as cores do Eibar en Córdoba e Soria.
O novo cambio de aires chegou no verán de 2002 deixando atrás Euskadi para asinar polo Elche, co que debutaría un 29 de setembro na visita do seu novo equipo ao Albacete. E de novo rematou a tempada con menos de mil minutos en total e sen ver portería nun equipo que deixaría no inverno de 2004 para asinar polo Ceuta de Segunda B, no que debutou con expulsión.
Só media tempada durou nas filas do equipo ceutí antes de volver ao Eibar estreándose de novo en Málaga ante o filial local. Un curso no que, de novo, foi de máis a menos en canto a minutos e no que se quedou sen ver portería en 18 partidos.
Máis sorte e tempo de xogo tivo nas filas do Cartagena na tempada 2005/06 superando os 2700 minutos, aos que sumar case 6000 máis nas dúas seguintes tempadas.
Volta a Galiza.
En 2009 volveu á nosa terra para asinar polo Cerceda na Terceira galega, co que xogou tres promocións de ascenso consecutivas. Ademais, fixo tres goles nas tres campañas no Roxo.
Unha tempada máis, catro en total, estivo nas filas do Órdenes tamén na Terceira división amosando un bo nivel antes de asinar polo Compos para pechar o círculo.
E volta á casa.
O 15 de xullo chegou unha gran nova a Santiago. O lateral de Camariñas, un dos mellores da Terceira, asinaba o seu último contrato como xogador coa Esedé aos seus 41 anos coa intención de devolver ao equipo á Segunda B.
Con Yago Iglesias no banco, Cabrejo volveu á casa para o seu derradeiro ano de carreira. E de novo fíxose co posto titular loitando nun total de 31 partidos. Imparable na banda, incansable, o 'Mago de Corea' rematou o curso sen goles en partidos oficiais pero asistindo aos seus compañeiros, deixando grandes mostras da súa calidade e demostrando que a idade é só un número e que fisicamente ben podería continuar.
Un pequeno resumo da súa tempada, na que perdeu o seu posto en escasas xornadas en favor dun Mon que xogou en varias posicións ao longo do curso, pode ser que xogou 2.362 minutos en total e viu cinco cartóns amarelos, perdendo a oportunidade de volver xogar no Roxo na antepenúltima xornada do campionato. En canto a goles, asinou dous coa camisola branquiazul durante a pretempada ante Lesende e ante o Boiro en Camporrapado.
GRAZAS!
Sen dúbida hai que darlle as grazas a un dos grandes. A un deses xogadores que fan grande un escudo. Un home que se deixou todo sobre o campo en cada partido. Unha lenda do noso Compos e como os que non haberá moitos máis. Grazas por facernos desfrutar durante estes 20 anos e, ante todo, moita sorte no futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario