15 de maio


Chegamos á metade do mes de maio e con el, catro precedentes da historia recente do noso Compos. Catro encontros tal día coma hoxe entre 1994 e 2016 divididos en tres categorías diferentes e ante rivais que, agás un deles, non están a pasar polo seu mellor momento. 

15 de maio de 1994.
Comezamos co CD Castellón. O Compos recibía ao histórico conxunto valenciano, agora en problemas económicos que non están a afectar o seu traballo sobre o terreo de xogo, no final dunha tempada de ouro na Segunda división.
Con Iru, Bellido, Modesto, Modesto II, Nacho, Bodelón, Fabiano, Lalo, José, Ohen e Pichi Lucas no once titular e Óscar e Abadía saíndo dende o banco de suplentes, o noso Compos gañou no Municipal de Castalia grazas a un gol de Ohen no final do primeiro tempo e outro de Pichi Lucas a vinte minutos para o final desfacendo o empate conseguido dez minutos antes por Mateu para os locais.

15 de maio de 1998.
Da tempada do ascenso a Primeira ao último encontro do noso Compos na categoría de ouro do fútbol español e mundial. Unha despedida que chegou en forma de tres puntos para os nosos nun partido marcado polo número de cartóns amarelos e polo único gol que significou a vitoria branquiazul ante o Real Oviedo.
Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Villena, Nacho, Chiba, Fabiano, Passi, Lekumberri, Sion e Penev formaron o último once da Esedé en Primeira mentres que Tabuenka e Viedma entraron no segundo tempo. Ante un conxunto con pezas coma Abel Xavier e Paulo Bento nas súas filas, hai que recordar o gol de Penev aos vinte minutos que pasará á historia como o derradeiro na primeira etapa branquiazul en Primeira. 

15 de maio de 1999.
Hai 18 anos visitaba San Lázaro o xa desaparecido Club Deportivo Logroñés. Un partido, a seis xornadas para o final da tempada na Segunda división, onde os nosos conseguiron tres puntos importantes grazas a tres goles e que servían para case asinar de xeito matemático a permanencia na división de prata.
O equipo formado por Fran, Mauro, Coira, Bellido, Viedma, Agirretxu, Passi, Fabiano, Lekumberri, Mauricio e Changui, aos que engadir a Chiba, Salapasidis e Tabuenka durante a segunda parte, adiantouse cun gol de Mauricio aos once minutos e puxo terra de por medio cun de Changui superada a media hora. Jubera recortou diferenzas antes do tempo de lecer e Changui asinou o 3-1 definitivo no 82. 

15 de maio de 2016.
Hai só un ano chegaba a despedida dos nosos da Segunda división B coa segunda vitoria do curso lonxe de San Lázaro, logo de facerse cos tres puntos na Malata. Dende Aranda de Duero, os tres puntos viaxaron cara Santiago nun partido cun gol en propia porta e outro no tempo engadido. 
O conxunto de Fredi saiu ao terreo de xogo do Montecillo con Marqueta; Jesús Varela, Javi, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno, Mon, Jordan, Bicho, Fondevila; e Chiño, aos que engadir durante o segundo tempo a Josu, Marcos e Goti. O Compos adiantouse aos seis minutos cun gol de Trigueros en propia porta mentres que Fran Adeva igualou o resultado a vinte minutos para o final. Xa no engadido, sen tempo de reacción para o conxunto castelán, chegou o gol de Bicho definitivo para sumar os últimos tres puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario