Nesta tempada hai algo que chama un pouco a atención: van tres xogadores que decidiron rematar as súas carreiras na Esedé. Se Julián colgou as botas a metade de curso, agora é a quenda de Cabrejo e David Rey. E do central hai que falar agora.
David Rey chegou dende Ordes alá polo verán de 2003 para reforzar a zaga do conxunto branquiazul en Segunda B. Non obstante, o seu debut co noso equipo non foi todo o positivo que lle gustaría perdendo por 2 goles a 0. Un primeiro resultado negativo nunha tempada que rematou con descenso e co defensa xogando só 380 minutos en total aos seus 19 anos.
Só un ano lonxe da terra.
Logo de estrearse coa Esedé na 2003/04, David Rey pasou a xogar na Terceira división no filial do Deportivo da Coruña, co que asinou por dúas tempadas e compartindo vestiario con outro ex branquiazul: Borja Facal.
Logo de dous anos na Coruña, pasou un ano polas filas do Cerro de Reyes Atlético de Badaxoz. Outro paso breve polo equipo extremeño onde non contou con minutos e no que o equipo consumou o descenso de categoría nunha mala tempada.
Volta a Galiza.
A confianza gañouna máis que nunca en Cerceda. Chegou ao equipo do Roxo en 2007 e deixou o equipo en 2013 logo de catro promocións de ascenso consecutivas, que non foi quen de ascender acadando na 2010/11 o primeiro posto.
Boas actuacións abriron as portas de Vista Alegre a un David Rey que en 2013 asinou polo equipo da súa vila. E na 2013/14, con Martín, Rodri ou Cabrejo ao seu lado, este último co que tamén compartiu varios anos en Cerceda non só se gañou a titularidade no Ordes senón que ademais viu portería en dúas ocasións, as mesmas que a seguinte tempada sendo un fixo no conxunto verde.
E remate na casa.
Máis de cen partidos nas filas do Ordes foron máis que suficientes para que o central deixara a súa casa para xogar no equipo onde debutou trece anos antes. E neste caso non foi contra o Alcorcón, senón contra o Depor B a súa nova estrea na Esedé nun comezo de tempada con goleada en contra incluida.
Agora, o ordense suma máis de mil cincocentos minutos, 1.526 exactamente, e un gol ante o Silva na Grela que non serviu aos nosos para puntuar nun mal partido. Ademais, David, puido saír ao terreo de xogo nas dúas últimas xornadas co brazalete de capitán, unha recompensa para un dos profes dun equipo con moito futuro por diante e que puido aprender de dous grandes futbolistas.
Xa só queda agradecer todo o feito a este gran xogador durante toda a súa carreira deportiva, que rematará onde chegou catorce anos antes, e desexarlle o mellor na súa vida fóra dos terreos de xogo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario