Coa tempada a piques de chegar ao seu fin, temos ata catro precedentes de partidos un 12 de maio. Catro partidos entre Primeira e Terceira pasando por Segunda B e sen ningún encontro en Santiago entre 1991 e 2013.
12 de maio de 1991.
Chegaba o fin da tempada 90/91 na Segunda B e Compos e Getafe enfrontáronse no Coliseum Alfonso Pérez. Un partido no que o Compos non só perdeu o encontro por 3 goles a 0 senón que ademais caeu un posto na clasificación. O equipo madrileño, pola súa parte, certificou así o cuarto posto que lle daba opción de xogar a promoción de ascenso.
12 de maio de 1996.
Un día coma hoxe tamén xogamos na Primeira división hai xa máis de vinte anos. Partido en El Molinón de Xixón igualado onde o Sporting gañou grazas a un gol a quince minutos para o final. Un resultado que, a dúas xornadas para o final, servía aos asturianos para asinar a permanencia.
Con Falagán, Dulce, Mauro, Toño Castro, Bellido, Tocornal, Nacho, Llorente, Passi, Lekumberri e Arensoe no once e José Ramón, Toni e Eraña saíndo dende o banco, o equipo de Fernando Vázquez non puido superar a un Sporting que se adiantou cun gol de Lediakhov. Arensoe non tardou en asinar o empate pero, de novo, anotou o dianteiro ruso para deixar os tres puntos na casa.
12 de maio de 2002.
Volvemos á Segunda B. Penúltima xornada do campionato no grupo I e por fin se pode falar de vitoria branquiazul, nesta ocasión ante o Zamora. Tres puntos no Ruta de la Plata para asegurar a promoción de ascenso, que remataría co noso equipo na categoría de prata ese mesmo verán.
Oliver, Pinillos, Biscay, Chema, Adriano, Corredoira, Pignol, Rodri, Pedro Aguado, Juanito e Maikel no once titular da Esedé. Cabarcos, Castiñeiras e Arquero entrando dende o banco. Maikel fixo dous goles importantes para comezar ben en terras zamoranas. O equipo local non se botou atrás e logo de recortar diferenzas no final do primeiro tempo fixo o empate a media hora para o final. E Adriano pechou o resultado final sete minutos despois marcando dende os once metros o 2-3 definitivo.
12 de maio de 2013.
E novo triunfo branquiazul para rematar con este día de tempadas exitosas do noso equipo. Tres puntos que chegaron dende Vista Alegre e que serviron aos nosos para facerse cun terceiro posto que se aseguraría sete días despois ante o As Pontes en San Lázaro.
O equipo de Fredi, formado por Adrián, Rendo, Castiñeiras, Germán, Jimmy, Gonzalo, Manu Rodríguez, Franqueira, Jacobo Tato, Yahvé e Joselu aos que engadir a Peláez, Martín e Marcos Suárez, gañou en Ordes pola mínima logo dun partido onde os dous puideron facerse cos tres puntos. Un gol que tardou moito en chegar nun mal encontro do Compos e que se gañou grazas a un gol de Yahvé.
O resumo, aquí.

Ningún comentario:
Publicar un comentario