Segunda e Segunda B marcan a historia recente do noso Compos tal día coma hoxe. Catro partidos entre os anos 1993 e 2010 con rivais que actualmente militan entre as categorías de prata e bronce do fútbol español.
9 de maio de 1993.
A tempada anterior ao feito máis grande da historia branquiazul. Un ano para facer equipo e permanecer na Segunda división. Alí atopamos ao Valladolid na súa última tempada antes de volver a Primeira división, onde permaneceu ata 2005. E na segunda volta, en Zorrilla, o Compos puido sacar un punto importante para achegarse un pouco máis ao obxectivo.
Con Docobo, Tocornal, Bellido, Cea, Modesto, Nacho, Bodelón, Fabiano, Ohen, Pichi Lucas e Moure no once titular, aos que engadir a Ochoa e Carlos Alberto, o noso equipo adiantouse no marcador ao comezo da segunda parte cun gol de Bodelón. Por contra, o equipo local igualou o marcador pouco despois cun gol de Onésimo dende os once metros dando o empate ao Valladolid, que rematou con dez.
9 de maio de 1999.
De novo en Segunda, tal día coma hoxe visitabamos a un equipo que sempre estará na historia do noso Compos. No Estadio de Vallecas, o Rayo Vallecano non puido facer moito contra un equipo que se levou os tres puntos no treito final do xogo, sen tempo de reacción posible para os xogadores madrileños.
Con Carlos, Mauro, Bellido, Viedma, Agirretxu, Lekumberri, Fabiano, Roberto, Passi, Mauricio e Changui no once titular e Ponk, Coira e Chiba entrando dende o banco de suplentes, a Esedé visitou a un Rayo que remataría o curso ascendendo a Primeira división e que, nesta cita, se adiantaba aos catro minutos cun gol de Bolo. Non obstante, o Compos foi quen de dar a volta ao resultado cun gol de Mauricio e outro de Changui, xa case co tempo cumprido.
9 de maio de 2004.
E imos xa coa Segunda B. Hai xusto 13 anos, o Compos despedía a tempada en San Lázaro a unha xornada para o final cun triunfo ante o Fuenlabrada, que aínda así non evitou o descenso de categoría dos nosos. Encontro con ata sete goles e no que xa puidemos ver a David Rey no primeiro equipo.
Con Roberto Pazos, Rafa Moreno, Tachi, Víctor, Castiñeiras, David Rey, Sergio Sánchez, Fran Caínzos, Fidalgo, Seoane e Curiel no equipo inicial e Juan, Javicho e Bossa saíndo dende o banco de suplentes, a Esedé tivo que darlle a volta a un gol de Mateos. Curiel empatou antes do descanso mentres que Bossa fixo o segundo tralo tempo de lecer. Javi González devolveu o empate aos madrileños e de novo Bossa puxo por diante aos nosos a dez minutos para o final. Pelu asinou o 3-3 e Curiel, o 4-3 definitivo, ambos no tempo engadido.
9 de maio de 2010.
Nova despedida da Segunda B. O Compos recibía ao Mirandés na derradeira xornada de liga, en San Lázaro. Partido sen nada en xogo por parte dos dous equipos, co noso equipo xa sen opcións sequera de ascender algún posto, e unha nova derrota que sumar ao casilleiro branquiazul.
Logo dun moi mal curso, a Esedé recibía ao Mirandés para pechar a tempada 2009/10. Cun once formado por Alberto, Faneca, Trovo, Jimmy, Catú, Toño, Gonzalo, Sergio Cueto, Tiko Messina, Claudio Monti e Iván González e con Ángelo, Rego e Keaton saíndo dende o banco de suplentes, o Mirandés adiantouse cun gol de Tato e ampliou diferenzas co segundo, obra de Mújika. Iván González, na segunda parte, recortou diferenzas asinando o 1-2 final.

Ningún comentario:
Publicar un comentario