Plantilla pechada, Copa do Rei e Copa Deputación

A semana, ademais dos tres amigables de pretempada, rematou con dúas fichaxes coas que pechar o equipo e dous sorteos máis importantes. Mikel Orbegozo e Joaquín García reforzarán o ataque branquiazul procedentes do Xetafe B e o Elxe Ilicitano respectivamente. Por outra parte, Tudelano e Atlético Riveira ou Sigüeiro serán rivais da Esedé en cousa dun mes nas Copas do Rei e Deputación da Coruña.
Mikel Orbegozo, dianteiro donostiarra de 26 anos, chega libre á Esedé despois dunha tempada no filial do Xetafe. Un xogador formado nas categorías inferiores da Real Sociedad, chegou libre ao Bilbao Athletic no 2011. Media tempada no equipo de Bilbao antes de saír cedido ao Nàstic de Tarragona, Sestao e Amorebieta. Sen volver a vestir a camisola do Athletic, saiu libre ao Xetafe onde anotou 16 goles chegando referente ofensivo goleador. 
Das categorías inferiores do Sevilla, ao igual que Ramón, saiu Joaquín García. Cordobés de 22 anos que ocupará unha das prazas de 'sub-23', xogou a pasada tempada nas filas do Elxe Ilicitano confirmándose como un centrocampista polivalente que pode xogar tamén de mediapunta. Trátase, ademais, dun xogador de referencia no fútbol andaluz chegando ás categorías inferiores da Selección española. 
En canto aos sorteos, Tudela recibirá ao Compos a principios de setembro na primeira rolda da Copa do Rei. Unha eliminatoria que, de superarse, deparará un novo encontro da competición lonxe da casa só sete días despois ante Real Unión de Irún ou Ebro, novo equipo de Segunda B e pasado rival na derradeira fase de ascenso á categoría de bronce da Esedé. 
Por outra parte, o Compos terá que visitar ao Atlético Riveira ou ao Sigüeiro o vindeiro domingo na segunda fase da Copa Deputación. O rival sairá do encontro que xogarán entre os dous en Sigüeiro o mércores. Por isto, o Compos non xogará o Triangular do Praíña mentres que si xogará o sábado un triangular en Riveira ante o equipo local e o Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario