O Compos sumou unha nova vitoria en terras viguesas ante o Rápido de Bouzas. Un encontro difícil ante un rival de Terceira división que puxo contra as cordas ao equipo na segunda metade. Quinto encontro, contando por dous o triangular en Bembibre, e segunda vitoria grazas a un gol de Chiño, xogador do Estudiantil a proba co primeiro equipo.
Na primeira metade, o dominio branquiazul levou ao Compos a chegar con serio perigo á porta do equipo gualdinegro. Importantes ocasións, anque escasas, ante un rival que non foi capaz de poñer en problemas a Raúl Marqueta, porteiro na primeira metade. Un aviso de Goti nos primeiros instantes foi o mellor aviso para o que pasaría case ao final do mesmo cun gol de Chiño tras roubar o esférico fóra da área. Un bo gol do xogador do filial que posteriormente sería o que daría a vitoria aos nosos.
Na segunda metade, con un equipo totalmente diferente, o Compos foi de máis a menos sufrindo para poder gañar. Dous avisos de Dani Hernández e Orbegozo nos primeiros minutos, os dous topándose co porteiro, remataron coa efectividade dun equipo que non foi capaz de crear máis perigo ante un rival que mellorou notablemente. Pato, porteiro na segunda metade, foi clave para asinar este bo resultado con dúas boas intervencións.
Para seguir coa pretempada, o Compos terá esta fin de semana dous encontros en Riveira. O sábado, un triangular ante o equipo local e o Arosa e o domingo estrea na Copa Deputación ante o Atlético Riveira, que superou ao Sigüeiro na rolda anterior.

Ningún comentario:
Publicar un comentario