Sen dúbida, un dos mellores xogadores da historia do noso equipo, así como un dos máis queridos, correrá pola banda de San Lázaro durante dous anos máis. Óscar Seoane Mella, máis coñecido como Jimmy, xa é o xogador con máis partidos da historia do clube con 249 encontros superando a Manuel Castiñeiras e poderá aumentar as súas cifras durante as dúas vindeiras tempadas nas que o noso capitán será un referente.
A pesar de contar con ofertas de Segunda división, Jimmy asinou por dúas tempadas máis para afrontar, a partir de agosto, a súa décima tempada nas filas do equipo da capital galega, algo ao alcance de moi poucos xogadores no planeta.
A pasada campaña, o noso gran capitán correu a banda en 36 encontros. Máis de tres mil minutos sendo o xogador con máis minutos baixo a batuta de Iñaki Alonso e co brazalete no seu brazo. Ademais, para completar os seus datos, o picheleiro foi ademais o máximo goleador do equipo con 6 tantos. A única mala nota da pasada campaña, a que fixo que non puidera xogar toda a tempada, foi a expulsión no partido ante o Logroñés en Las Gaunas rompendo unha tempada perfecta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario