Ao longo desta semana puidemos coñecer novidades en canto ao equipo para a vindeira tempada. Ata cinco renovacións máis ás xa coñecidas de Marqueta e Fondevila entre as que destaca a de Jimmy. Ademais, a maior sorpresa chegou coa marcha de Yacine ao Alcoyano, unha nova que anunciou antes o conxunto valenciano. Cristian del Toro, Iván Pérez, Moreira e Alcañiz tampouco seguirán no clube despois de rexeitar as ofertas feitas pola directiva ademais dos catro cedidos que voltarán aos seus equipos.
Comezamos coa marcha de Cristian del Toro. O andaluz chegou no mercado de inverno procedente da segunda división polaca para reforzar a defensa. Unha inoportuna lesión apartou ao central do equipo e non puido debutar en partido oficial coa camisola branquiazul. Si puido xogar o amigable ante o Boiro co que o equipo pechou o curso.
Mon, o centrocampista que chegou ao primeiro equipo despois dun ano de cesión no Grixoa, seguirá un ano máis na Esedé despois de xogar en cinco ocasións a pasada tempada superando os 90 minutos en total. Sempre saíndo do banco de suplentes, o picheleiro buscará seguir medrando no seu equipo na busca de máis minutos na categoría de bronce.
Unha das mellores novas sen dúbida chegou coa renovación de Jordan. Un dos fixos para Iñaki Alonso no once inicial e un dos xogadores máis efectivos da pasada campaña. Terceira tempada que xogará o ourensán nas filas da Esedé despois de sumar máis de dous mil minutos e anotar ata cinco goles sendo un dos máximos goleadores por detrás de Jimmy e Yacine. 35 partidos xogados nos que o extremo foi do mellor do equipo unha vez máis.
Iván Pérez adestrou durante toda a tempada en San Lázaro pero non asinou o seu contrato ata o inverno agardando por algunha oferta de categorías superiores. O santiagués axudou media tempada ao equipo da súa cidade en doce partidos anotando un gol ante o Lealtad insuficiente para sumar os tres puntos en Asturias. Medio ano despois, o ex do Lugo e Deportivo abandona o Compos á espera doutra nova experiencia no fútbol profesional.
Para mellorar a defensa, despois da chegada de Pato Guillén e a renovación de Marqueta, Portela portará a camisola branquiazul un ano máis. Un seguro en defensa, un dos centrais titulares indiscutibles e autor de dous goles moi importantes no final da campaña, que asinou por un ano máis. Procedente do Ourense, o galego xogou 22 encontros e marcou o gol en Zamora co que o soño fíxose un pouco máis real.
O centro do campo terá dono unha tempada máis. Un creador de xogo como moi poucos. Con experiencia na categoría de bronce e moi querido pola afección branquiazul. Marcos Rodríguez asinou por un ano máis despois de xogar case tres mil minutos en 32 encontros a pasada campaña defendendo as cores da Esedé. Un líder e un dos máis importantes para Iñaki Alonso que, aos seus 31 anos, volverá a ser dos máis importantes.
Pero o mesmo día chegaba unha mala nova. Despois dun tempo de negociacións, Alcañiz decidiu dar por rematada a súa estancia en San Lázaro a pesar da mellora na oferta por parte do clube. O central, outro dos xogadores clave a pasada tempada, foi titular nos 33 partidos nos que participou con case tres mil minutos sobre el campo.
Moreira chegou para axudar en ataque esta tempada. Algo máis de mil minutos en 26 encontros para o salmantino que só anotou un gol na goleada ante o Tropezón, no tramo final da tempada. Un revulsivo que non pareceu convencer a Iñaki Alonso e probará sorte fóra de San Lázaro.
Pola súa parte, a marcha de Yacine do Compos fíxoa oficial o Alcoyano horas antes que o noso equipo. O franco-marroquí tiña unha oferta para renovar pero prefiriu aceptar a oferta do equipo valenciano. A directiva xa tiña un inicio de acordo co ex do Sporting B pero finalmente decidiu marchar. Sen dúbida, unha mala nova xa que déixanos o xogador con máis acerto dos dianteiros a pasada tempada. 6 goles en trece encontros avalan ao xogador formado en Francia como un gran referente en ataque.
Para rematar, ata catro xogadores déixannos para volver aos seus equipos de procedencia. Borja Navarro volverá ao Albacete no que xogará a vindeira tempada en Segunda división. Fernán loitará por un posto na dianteira do Celta B. Teles poderá ter a oportunidade de xogar en Primeira co Deportivo e Lemos queda libre despois de non renovar co equipo da Coruña. Este último ten unha oferta para quedar en San Lázaro e pertencer ao Compos, un soño na mente de moitos afeccionados branquiazuis que queren a un dos mellores da pasada tempada un ano máis en San Lázaro.
En canto a Jimmy, mellor un capítulo a parte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario