O Compos segue facendo un equipo importante para a vindeira tempada. Un equipo formado cunha boa base de xogadores importantes para Iñaki Alonso da pasada campaña e fichaxes procedentes de equipos importantes da categoría. Real Murcia, Barakaldo... e agora Real Oviedo. Sergio Sánchez é novo central da Esedé despois de lograr un ascenso histórico a Segunda división co equipo asturiano.
Central zurdo nado fai 27 anos, fará 28 en agosto, en Albacete. Un defensa de calidade e con ampla experiencia na categoría de bronce, onde suma 160 partidos. Titular na parte final da tempada co Oviedo, foi un dos xogadores importantes na fase de ascenso xogando os dous encontros titular. Na liga regular, o manchego xogou 13 encontros sumando case oitocentos minutos nunha campaña chea de éxitos. Ademais, xogou un partido na Copa do Rei e os dous da promoción, os tres torneos que podería xogar esta tempada o Compos.
Antes da súa chegada ao Oviedo, pasou por equipos como o Sangonera, Conquense, San Roque, Villanovense, Melilla e La Hoya Lorca sumando case trece mil minutos en total. Un xogador que, ademais, xa sabe ben o que é xogar a Copa do Rei despois de participar en cinco edicións.
Súmase xa a Catú e Portela na lista de centrais de cara á vindeira tempada, onde haberá que agardar para un cuarto reforzo.
Ademais, apareceu o rumor sobre dous amigables moi importantes. O Compos podería xogar este verán ante o Depor e o Lugo dous partidos ou un triangular. Nada oficial ata o momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario