Día de novas en San Lázaro

Hoxe chegaron tres novas importantes desde San Lázaro. Unha baixa máis, unha renovación e a confirmación oficial do novo filial da Esedé. Manu Rodríguez deixará o equipo despois de catro anos de éxitos, Josu asinou por unha tempada máis e o Estudiantil será, sucedendo ao Camporrapado, o novo segundo equipo da Esedé en Preferente. 
Catro anos de bo fútbol e dous ascensos despois, Manu Rodríguez deixa o Compos. Unha baixa importante dun dos capitáns da pasada campaña e que defendeu as cores do noso equipo en máis de cen partidos oficiais chegando en Preferente e marchando na Segunda B. Home clave nos plans de Anxo Casalderrey, Fredi e Iñaki Alonso, o de Moraña loitou ata en 63 encontros nas dúas tempadas na categoría de bronce anotando seis goles en total.
Por contra, Josu xogará por segundo ano consecutivo no Compos. Procedente do Ourense, o lateral foi unha peza clave loitando polo seu posto con Catú. Máis de dous mil minutos repartidos en 21 partidos para o lateral ourensán. Coa súa renovación, a Esedé pecha os dous postos de laterais titulares. 
Por outro lado, o Estudiantil pasa a ser o novo filial oficial do clube. Un equipo da zona media da táboa de Preferente Norte polo que pasarán os nosos xogadores das categorías inferiores poderán pasar polo equipo de A Estrada ata superar os 23 anos. Un equipo para o que sona o adestrador Anxo Casalderrey. Ademais, o clube contará tamén co Camporrapado como segundo filial na Segunda Autonómica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario