O Compos recibiu ao colista nun encontro que, como se agardaba, non foi nada fácil. Un partido onde o resultado foi máis curto do que podería. Unha gran tarde de Borja Navarro na que celebrou a súa titularidade con dous goles. E todo a pesar dunha primeira metade que deixou moito que desexar tanto en canto a xogo como en canto a ocasións, que non se puideron ver sobre o terreo de xogo. O máis positivo, ademais dos tres puntos e os goles, foi que a pesar de xogar con varios homes apercibidos todos poderán estar ante o Lealtad o vindeiro sábado.
A primeira metade estivo escasa de fútbol. O Compos quixo o esférico ante un equipo que, coñecedor da importancia de sumar os tres puntos, saiu a por todas. Pouco fútbol, baixa intensidade e sen ocasións en ningunha das dúas porterías. Imprecisións á hora dos pases aos xogadores de ataque e constantes erros nos intentos de disparar chegando aos corenta e cinco minutos de xogo sen dar ningún aviso sobre a porta do Marino de Luanco. Pola contra, os asturianos si foron capaces de probar a Marqueta á contra, aínda que sen puntería.
Sorte, e non pouca, tivo Borja Navarro no tempo engadido. Iván Pérez pon un balón perfecto ao dianteiro deixándoo por diante da defensa. O asturiano correu cara a portería e un esbarón involuntario foi a mellor forma de frear e poder desfacerse do porteiro antes de marcar o primeiro gol do partido a porta baleira.
A segunda metade foi moi diferente á primeira, totalmente contraria. Alta intensidade, presión ante a saída do balón dos visitantes e bo xogo en todo o campo con moita seguridade en tódolos aspectos perdoando unha goleada importante errando de novo na finalización das xogadas. Un monólogo branquiazul que só obtivo recompensa aos vinte minutos.
Unha tras outra, as mellores ocasións da Esedé non entraban na porta defendida por Rafa Ponzo. Sen embargo, un bo centro de Lemos bastou para deixar a Borja Navarro na posición perfecta para facer o segundo da tarde e sentenciar así o encontro con vintecinco minutos por diante.
O tramo restante ata o final foi tranquilo para o Compos. Todo controlado e ningún problema para manter a renta e sumar tres puntos moi importantes que deixan á Esedé un posto por enriba, moi preto da promoción de ascenso. O soño xa non parece tan imposible.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Jordan, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos Rodríguez, Fondevila (Manu Rodríguez, min. 78); Lemos (Moreira, min. 68), Teles, Iván Pérez (Fernán, min. 83); e Borja Navarro.
CARTÓNS: Amarelo para Borja Navarro.
GOLES: 1-0 46' Borja Navarro, 2-0 65' Borja Navarro.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario