O último clasificado chega a San Lázaro este domingo. Un partido onde os nosos terán a posibilidade de comezar con bo pe a serie de encontros en principio asequibles para a Esedé. E comezamos xa ante o Marino de Luanco, rival difícil a pesar do que poida dicir a clasificación.
O Marino de Luanco chega ao feudo branquiazul coa obrigación de sumar os tres puntos. Colistas con 17 puntos, a 11 da promoción de descenso, parece ser un equipo practicamente descendido pero que prometerá dar guerra ata o final como xa fixeron ante o Tropezón sumando unha vitoria seis xornadas máis tarde. Só 3 vitorias ata o momento: ante Tropezón, Coruxo e Cultural Leonesa na casa as tres e, curiosamente, neste 2015 as tres. 8 empates e 15 derrotas completan as estadísticas do equipo menos goleador de toda a Segunda B con só 17 goles a favor ata o momento. Por contra, é o equipo menos goleado da zona de descenso con só 36 goles encaixados, algo que o coloca como o cuarto equipo que menos tantos recibe dos últimos dez clasificados. En canto ás saídas do Marino só conseguiron puntuar en Coruxo, Astorga e Zamora, tres empates con ata 5 goles en total. A nivel individual Omar é o máximo goleador do equipo despois da saída de Fran Pastor ao Guijuelo no mercado invernal.
O Compos chegará ao encontro con baixas importantes e difíciles de suplir. Catú e Josu en defensa e Yacine en ataque están sancionados por acumulación de amonestacións. Ademais Mensha, Fondevila, Manu Rodríguez, Marcos Rodríguez e Jimmy xogarán apercibidos de sanción con 4 cartóns todos. Pola súa parte, o Marino parece chegar con todo o seu equipo ao completo.
Hoxe será a terceira vez que o Marino visite San Lázaro. A pasada campaña o resultado rematou cun positivo 2-1 con dous goles de Joselu mentres que fai xa 14 anos o marcador final foi un contundente 5-1 favorable aos nosos. Ademais na primeira volta o Compos gañou 0-1 con gol de Manu Rodríguez.
En canto á última xornada os dous equipos remataron soñando un pouco máis. O Marino coa permanencia despois de gañar na casa ante o Tropezón grazas a un gol do recén chegado Baba Draman mentres que en San Lázaro aparecen de novo as opcións de rematar en promoción de ascenso despois de gañar en Barreiro cun gol de Yacine no primeiro minuto de xogo.
O encontro será este domingo ás 17 horas sen televisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario