Nova vitoria a domicilio

O Compos suma a terceira vitoria da tempada, segunda fóra de San Lázaro ante o Marino de Luanco e sobre un terreo de xogo onde a práctica do fútbol non parecía ser o máis adecuado. Un encontro difícil e no que os de Iñaki Alonso remataron con dez. Manu Rodríguez, aproveitando un erro da defensa, fixo o único gol dos noventa minutos. 
Encontro con moi poucas ocasións, xogo trabado e moitas imprecisións á hora de dar os pases. Sen un dominador claro, os dous equipos buscaron sorprender con balóns aos dianteiros. Borja Navarro tivo boas ocasións pero foron os seus compañeiros os que, desde lonxe, tiveron máis sorte á hora de probar sorte ante Rafa Ponzo, que non tivo excesivos problemas para manter a súa porta a cero na primeira metade. 
No outro lado do campo, o Marino de Luanco apenas puido poñer en apuros a Ramón. Só a balón parado ou grazas á velocidade pola banda do ex branquiazul Fran Pastor puideron chegar na primeira metade as escasas ocasións asturianas. 
Na segunda metade o Compos saiu cunha marcha máis. As ocasións perigosas apenas tardaron en chegar a través de Borja Navarro, que non tivo sorte á hora de transformar as xogadas en goles. Máis sorte, ou puntería, tivo Manu Rodríguez a porta baleira despois dun erro da defensa, que non despexa o balón, despois dunha xogada individual de Fondevila, do mellor do encontro. 
O gol espertou ao equipo asturiano e buscaron con insistencia a porta de Ramón con todo tipo de xogadas ante unha zaga que non puido facer máis que defenderse e sacar tódolos balóns posibles. Fran Pastor, máximo goleador do seu equipo ata o de agora, foi o encargado de surtir aos seus compañeiros de bos balóns. Unha xogada tras outra, os locais perdoaron goles sinxelos aumentando as esperanzas galegas de sumar a segunda vitoria lonxe da casa. 
Pero a vinte minutos do final chegou un golpe moi duro. Fondevila perde un balón no centro do campo e devolveo cunha entrada por detrás. Cartón vermello directo e o Compos cun xogador menos a falta de vinte minutos para o final cando mellor parecía estar o equipo rival. 
Ante un menos, o Marino pechou á Esedé no seu campo buscando a portería con intensidade. Sen embargo, apareceron os problemas musculares nos dous equipos provocando trocos e incluso facendo que os locais remataran xogando case cun menos debido aos serios problemas cos que rematou Fran Pastor, que non puido case correr nos dez últimos minutos. 
Finalmente, despois de moito sufrir, o Compos suma a terceira vitoria, dez puntos, e afiánzase na décima posición a oito días da visita do Lealtad a San Lázaro.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Iván Moya; Fondevila, Teles (Quim Araujo, min. 65), Manu Rodríguez, Moreira (Castiñeiras, min. 85); e Borja (Mensha, min. 93). 
CARTÓNS: Amarelos para Iván Moya e Catú. Expulsado Fondevila con cartón vermello directo.
GOLES: 0-1 51' Manu Rodríguez. 
ESTADIO: Miramar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario