Nova saída da Esedé, esta vez a Luanco para enfrontarse a un Marino en descenso. Un partido moi importante para os dous equipos, un debe puntuar para saír dos postos de descenso e o outro para achegarse aos de ascenso, e no que o Compos pode sumar a súa segunda vitoria fóra de San Lázaro, onde xa sumou catro dos sete puntos que acumula despois de sete encontros.
Sétima xornada de liga para a que Iñaki Alonso deixará ata a catro xogadores mancados en Santiago. A parte de Lemos, que será baixa nas vindeiras datas despois de pasar polo quirófano, tampouco estarán Marcos, Portela nin Jordan. Pola súa parte, no Marino non estarán Tito, Torres nin Merino. Si poderán xogar esta tarde Fran Pastor, xogador que estivo cedido a pasada tempada na Esedé, e Nico Pandiani, fillo de Walter Pandiani e que chegou a soar para reforzar o noso equipo este verán.
En canto ás visitas a Miramar, os resultados non son de todo malos xa que o Compos xa sabe o que é gañar alí nunha das dúas visitas. En 2001, tempada que o Compos rematou na terceira posición, o noso equipo trouxo os tres puntos grazas a un 0-2. Sen embargo, a tempada pasada o resultado foi moi diferente xa que o Marino gañou grazas a dous goles de Álvaro Muñiz e outro de Jandrín que fixeron inútil o gol de Joselu na segunda metade.
En canto a esta tempada, os dous equipos chegan tras perder a pasada xornada. O Compos non puido co Celta B nun final de infarto onde os de Iñaki tiveron a posibilidade de sumar un punto. Pola súa parte, o Marino caeu a domicilio na casa do Tropezón por 1-0, gol de Perujo.
Botando un ollo ao equipo rival, suman 4 puntos despois de catro empates. Descoñecen a vitoria e só acumulan catro goles ata o de agora. Ademais, curiosamente, sempre que marcaron puntuaron. Por contra, só encaixaron sete goles e só ante o Atlético Astorga (2-2) encaixaron máis dun gol demostrando a dificultade que supón superar a Rafa Ponzo, titular indiscutible. En canto aos goles, destácase Fran Pastor con 2 goles mentres que Alan Ávila e Omar suman un cada un.
O encontro será este sábado ás 18:30 horas en Miramar e poderá verse en directo pola TPA, televisión asturiana que tamén emitirá o encontro na súa páxina web, ou en diferido pola TVG 2 despois do clásico galego de fútbol sala entre o Azkar Lugo e o Santiago Futsal, sobre as 19:30 horas aproximadamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario