A volta de Fredi a San Lázaro, neste caso no banco do equipo rival, rematou coa vitoria viguesa nun mal partido onde unha primeira metade con ocasións continuou cunha segunda con goles, emoción pero xogo pouco continuado. A parte dos goles de Jimmy polo Compos e Borja Iglesias e Thaylor polo Celta B, o árbitro non sinalou dous penaltis claros a prol da Esedé, un deles incluso amonestando a Borja Navarro por suposta simulación.
Como era de agardar, o encontro tivo alta intensidade dende o inicio. Intensidade que impuxo un Celta B de promoción de ascenso con ocasións e chegadas á porta de Ramón, aínda que sen probar ao andaluz nos primeiros dez minutos do encontro. Para manter o bo camiño, o porteiro branquiazul tamén salvou o primeiro disparo celeste... pero non puido coa segunda xogada, co tiro de Borja Iglesias.
Resultado en contra pero sen reacción debido á presión realizada polo equipo olívico. Unha presión que ben puido rematar ata en dúas ocasións cun gol máis. Ramón apareceu unha vez máis para salvar ao equipo só catro minutos despois do gol e o pau fixo xustiza interpoñéndose entre o Celta e o gol desde os once metros despois dun penalti cometido por Portela sobre Borja Iglesias, encargado tamén de buscar a porta.
O erro no penalti foi o revulsivo perfecto para un Compos que necesitou máis de vinte minutos para espertar e meterse no encontro. Sen embargo, os balóns non chegaban aos dianteiros, en gran parte polo xogo duro dos celestes, e só Quim Araújo, cun disparo que rexeitou un defensa, tivo oportunidade de empatar o encontro.
Na segunda metade máis do mesmo. Xogo pouco vistoso polas numerosas faltas realizadas no centro do terreo de xogo e ante as que o colexiado só puido amosar ata once cartóns amarelos entre os dous equipos. Así transcorreron os primeiros dez minutos da segunda parte, ata que unha nova contra rápida rematou co segundo gol visitante, obra de Thaylor.
Con terra de por medio, os pupilos de Fredi encargáronse de perder todo o tempo posible na media hora restante sen medo ás consecuencias. Entradas duras, perdas de tempo nos trocos e esaxerar as faltas recibidas foron algúns dos trucos dos vigueses para evitar que o Compos tivera opcións de, como mínimo, deixar un punto na casa.
Os minutos pasaban, o Compos gañaba terreo co paso do tempo pero as ocasións non eran tan claras como se precisaban. Un bo momento para o Compos que se empañou co cartón amarelo para Borja Navarro por suposta simulación de penalti e que se arranxou co gol da esperanza só un minuto máis tarde. Gol chegado grazas a un rexeite que engancha Jimmy para sorprender e superar a Óscar.
Diferenza máis curta pero á vez difícil de neutralizar con só cinco minutos máis o engadido. Dez minutos onde o equipo estivo a piques de consumar a sorpresa pechando ao equipo rival na súa área.
Finalmente, o Compos acumula tres xornadas sen coñecer a vitoria, rompe a mala xeira na que acumulaba dúas xornadas sen marcar e cae un posto igualado a puntos co Racing de Ferrol, Tropezón, Langreo e Zamora a unha semana de visitar ao Marino de Luanco, equipo en postos de descenso.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Portela, Jimmy; Iván Moya (Teles, min. 60); Moreira, Manu (Manu, min. 66), Fondevila; Quim (Mensha, min. 66); e Borja Navarro.
CARTÓNS: Amarelos para Alcañiz, Josu, Manu Rodríguez, Borja Navarro e Iván Moya.
GOLES: 0-1 12' Borja Iglesias, 0-2 58' Thaylor, 1-2 85' Jimmy.
ESTADIO: San Lázaro. A mellor entrada da tempada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario