O Guijuelo leva un premio excesivo

O Compos non puido manter os bos resultados na casa ante o Guijuelo. Un partido onde faltaron as ocasións, onde se errou na finalización das xogadas e no que un erro en defensa foi suficiente para que o equipo salmantino poda volver a casa cos tres puntos aínda que sen tirar nin unha soa vez á porta defendida por Ramón. Pouco ritmo, pouca intensidade e case sen ocasións. Ademais, destaca a titularidade de Borja Navarro por primeira vez na tempada e a suplencia de Manu Rodríguez e Jordan.
O partido comezou coa Esedé impoñendo un ritmo moi alto ao xogo e achegándose con perigo á portería rival. As bandas gañaron importancia e tanto Teles coma Fondevila surtiron de bos centros a Borja Navarro e Quim Araujo, que pouco puideron facer. Pola súa parte, Alcañiz estivo a piques de alcanzar un balón no segundo pau que podería ser o primeiro gol da tarde. 
En defensa o equipo mantívose moi seguro. Sen permitir aos contrarios probar a Ramón, moi seguro cando foi preciso, tanto Catú coma o propio Alcañiz solventaron o traballo na primeira metade sen problemas deixando o casilleiro de disparos do Guijuelo a cero.
Na segunda metade o Compos foi de menos a máis ante un equipo que atopou os dez minutos un premio moi elevado. Xogada pola banda do Guijuelo, pase da morte ao centro da área e Alcañiz intenta despexar o balón pero acaba meténdoo na súa propia portería. Excesiva recompensa para un equipo que fixo o gol da vitoria sen sequera tirar a porta. 
O Compos buscou a reacción, xa algo tardía, na segunda metade. Con media hora por diante e despois de desperdiciar ocasións claras na primeira metade, os homes de Iñaki Alonso non foron capaces de superar a portería rival e só Manu Moreira, cun disparo desde fóra da área, foi capaz de poñer en apuros a Garabato. 
Finalmente, a Esedé suma a súa segunda derrota consecutiva e cae á zona media da clasificación. Pola súa parte, o Guijuelo durme líder da categoría despois de sumar tres vitorias en tres encontros. O vindeiro encontro, en Valladolid ante o filial vallisoletano.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu (Mensha, min. 73), Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos; Moreira, Teles (Jordan, min. 63), Fondevila, Quim Araujo (Manu Rodríguez, min. 63); e Borja Navarro.
CARTÓNS: Amarelo para Catú.
GOLES: 0-1 54' Alcañiz en propia meta.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario