Catro anos despois...

Por fin. O Compos volve a saber o que é gañar fóra de San Lázaro máis dun ano máis tarde, catro se temos en conta a categoría. Unha vitoria traballada, con algo de sorte, e con dúas remontadas incluidas ante o filial do Real Valladolid. Mala primeira metade e segunda impresionante con ata catro goles en só quince minutos. Josu, Manu Rodríguez e Borja Navarro foron, por parte do Compos, os autores dunha vitoria para a historia. Pola súa parte, Javi Navas e Guille foron os autores dos goles locais, que por momentos parecían anunciar outra nova caída do equipo branquiazul lonxe da casa. Só como anécdota, dita vitoria chegou ademais nun campo de herba artificial.
O comezo do encontro non foi o máis esperanzador. Nin sequera foi un bo comezo. Só tres minutos despois do inicio, o Valladolid Promesas púxose por diante. Contra ben levada polo equipo branquivioleta e Javi Navas supera a Ramón cun disparo raso ao pau curto ante o que nada puido facer o porteiro andaluz.
Co resultado en contra, as imprecisións foron a tónica da primeira metade na que o equipo local puido aumentar a diferenza ata en tres ocasións moi claras. E todo porque, unha vez máis, o Compos tivo o esférico pero non soubo que facer con el preto da área rival, onde só Quim Araujo e Manu Moreira probaron sorte sen incomodar ao porteiro rival.
A sorte púxose por fin do lado da Esedé e o Valladolid errou ata tres goles cantados. Ángel ata en dúas ocasións non puido superar a Ramón mentres que, a piques de chegar o final da primeira metade, outro xogador local topouse co poste. 
Xa na segunda metade a cousa cambiou a mellor. De novo as bandas tomaron protagonismo e as ocasións aumentaron notablemente mellorando co paso dos minutos. Dous avisos de Jimmy e Moreira foron a antesala do primeiro gol fóra da casa esta tempada. Teles, Jordan e Quim inventan unha xogada colectiva e Josu finaliza a mellor ocasión ata o momento do equipo enviando o balón entre dous defensas e poñéndoo lonxe do alcance do porteiro. 
A loucura chegou a Pucela e nun minuto caeron dous goles máis, un por equipo. Guille aproveitou un erro da defensa nunha xogada embarullada na frontal para poñer de novo aos vallisoletanos por diante. Pero só un minuto despois, Jordan presiona a un contrario na liña de fondo do campo rival, rouba o esférico e pon o balón ao segundo pau, onde Manu Rodríguez marca con suspense. 
Algo máis de vinte minutos por diante e o obxectivo parecía estar moi preto. As ocasións sucedéronse. O dominio transformouse en sustos continuos sobre a porta rival. E despois dun gran aviso de Catú desde a frontal chegou o gol da vitoria. Falta que bota Marcos desde a banda, toca Alcañiz, Quim adiántase ao porteiro e o balón chega a Borja Navarro que marca coa testa ante unha defensa que nada fixo ante o terceiro gol branquiazul.
Din que a mellor defensa é un bo ataque e así afrontou o Compos os quince últimos minutos de xogo coa intención de conseguir algo moi importante non só en canto ao deportivo. Manu Rodríguez, que volveu ser un dos mellores a pesar de saír desde o banco de suplentes, puido facer o cuarto co que sentenciar definitivamente o encontro nun final moi intenso pero ata en dúas ocasións apareceu Dani para evitar que os tres puntos chegasen cun pouco máis de tranquilidade repetindo así o 2-4 conseguido no Reino de León en 2010, a derradeira vitoria a domicilio en Segunda B ata o domingo do Compos.
Finalmente, unha vitoria que vale máis de tres puntos. Remata o mal de ollo despois de máis de 400 días e o equipo demostra un nivel que parecía non ter nas dúas xornadas anteriores, nas que sumou dúas derrotas consecutivas. 

ALIÑACIÓN: Ramón; Catú, Alcañiz, Portela (Josu, min. 46 / Borja Navarro, min. 69), Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Moreira, Teles, Fondevila (Manu Rodríguez, min. 61), Jordan; e Quim Araujo.
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Portela, Teles, Quim Araujo e Borja Navarro.
GOLES: 1-0 4' Javi Navas, 1-1 61' Josu, 2-1 64' Guille, 2-2 66' Manu Rodríguez, 2-3 75' Borja Navarro.
ESTADIO: Anexo ao Estadio José Zorrilla de Valladolid. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario