Só horas despois da eliminación da Esedé da Copa RFEF, competición que non parece ter seguimento en Santiago, chega un dos partidos máis agardados pola afección branquiazul. O Compos visitará o campo do Racing de Ferrol na busca da segunda vitoria fóra de San Lázaro da tempada ante un equipo que, a diferenza da tempada pasada, non consegue arrincar despois de conseguir só unha vitoria dos cinco primeiros encontros.
Dous equipos lonxe dos postos altos, onde pretende estar o equipo santiagués, buscarán rematar cos malos resultados que os acompañan neste inicio da tempada. Dous conxuntos que suman cinco e seis puntos respectivamente de quince posibles. Todos coñecemos o feito ata o de agora polos homes de Iñaki Alonso mentres que Joselu e compañía só puideron co Tropezón na anterior xornada ademais de puntuar ante o Langreo e o Atlético Astorga. Curiosamente, os tres encontros onde puntuou o equipo ferrolán se xogaron lonxe da Malata.
Se temos en conta os encontros do equipo verde na casa esta tempada, as cousas favorecen ao Compos. De dous partidos xogados na Malata este curso, os homes de Manuel García non souberon gañar ao Zamora, que saiu do estadio ferrolán cos tres únicos puntos que suma ata agora, nin ao Murcia, xunto con Logroñés e Oviedo o gran favorito para o ascenso. Dous goles a prol dos locais e catro en contra en 180 minutos. Pola súa parte, o Compos ao fin asinou os tres puntos lonxe de San Lázaro, na última saída a Valladolid.
Botando un ollo ao pasado, a última visita branquiazul rematou cun mal partido dos homes de Fredi Álvarez onde dous goles en cuestión dun minuto, o primeiro en posición antirreglamentaria, fixeron inútil o de Yahvé co que o Compos se puxo por diante. Ademais, esta será a sexta vez que a Esedé visite a Malata despois de sumar dúas vitorias, un empate e outras dúas derrotas.
En canto ás baixas, Iñaki Alonso non pode contar con Catú por sanción nin Mateo por lesión. Ademais conta coas dúbidas de Josu e Lemos, que probou o outro día ante o Ordes, aumentando os problemas á hora de confeccionar a defensa. Pola súa parte, o adestrador local non poderá contar con Jonathan Aspas e Pablo Rey por lesión.
O partido, o reencontro cun Joselu que aínda non fixo ningún gol no que vai de tempada, será este sábado ás 18 horas na Malata, onde o Racing abrirá un dos Fondos para os afeccionados compostelanistas que queiran gastarse 15 euros, algo excesivo para ser detrás dunha portería. Os que non se despracen a Ferrol poderán velo a través da segunda canle da TVG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario