Na súa estrea na Liga, o Compos non só sumou os tres primeiros puntos senón que ademais fíxoo deixando moi boas sensacións. Moi bo partido do equipo en xeral que serviu para que a afección que non estivo nos partidos de pretempada puidera comprobar que a pesar de renovar gran parte do plantel, hai equipo para algo importante. Alcañiz, o mellor para a afección, mostrou ser un seguro en defensa mentres que Mensha e Quim Araujo asinaron os dous primeiros goles da tempada.
O encontro comezou con ritmo alto, coa Esedé moi ben e Mensha loitando por cada balón nos primeiros minutos. O propio dianteiro nixeriano, na primeira ocasión que tivo non o dubidou nin dúas veces e desde fóra da área fixo o primeiro gol da tarde. Erro da defensa burgalesa e o dianteiro, que comezou con dúbidas durante a pretempada, non errou. Gol rápido, en catro minutos, para encarrilar un pouco a primeira vitoria.
Co primeiro gol xa no marcador, o Compos mantivo o control do encontro e o dominio sen permitir ao Burgos achegarse á porta defendida por Ramón, moi ben durante os noventa minutos. E pouco a pouco, despois dun aviso visitante sen consecuencias, o partido foi perdendo ritmo, intensidade e aumentando no número de faltas no centro do terreo de xogo. Ademais, Mensha recibiu o primeiro cartón antes de chegar ao descanso nunha xogada dividida.
Xa na segunda metade, a Esedé buscou mellorar o feito na primeira. Máis control do esférico, máis dominio do encontro e concedendo menos oportunidades a un equipo que pouco máis puido facer que saír á contra topándose coa parella de centrais formada por Alcañiz e Catú, que parece que será a titular este ano. Ante este plantexamento, Burgos só puido frear aos locais a base de faltas vendo dous cartóns amarelos nos primeiros dez minutos.
Dominio total e facilidades para achegarse á porta defendida por Aurreko ante unha defensa moi frouxa con moito por mellorar para poder estar entre os postos altos da táboa. E superado o cuarto de hora, Fondevila comeza unha xogada pola banda esquerda, parede con Quim na frontal, chega á liña de fondo e devolve o esférico ao dianteiro catalán, que só ten que acomodarse o balón, buscar un oco e pegarlle pasando o esférico entre catro rivais, que non fixeron nada para evitar ese segundo gol co que o Compos xa deixou sentenciado o encontro.
Xa cos tres puntos no peto e con media hora por diante, o Compos mantivo a fame e buscou un terceiro gol que estivo a piques de chegar en tres ocasións moi claras. Borja Navarro, que só leva tres días adestrando, topouse co traveseiro nunha vaselina diante do porteiro. Jordan tampouco puido superar ao porteiro no man a man provocando un novo córner. E Manu Moreira estivo a piques de asistir a un compañeiro desde a banda despois de evitar ao porteiro, ao que gañou nun balón dividido fóra da área.
Pola súa parte, o Burgos non tivo posibilidades de empatar o partido pero si de facer un gol despois dunha falta na frontal. Disparo que rexeita a barreira e na área Carralero, autor tamén da única ocasión burgalesa na primeira metade, manda o balón á madeira.
Finalmente, o Compos logra a primeira vitoria, cómoda, e xa pensa no partido ante a Cultural Leonesa, que empatou ante o Tropezón a domicilio, do vindeiro domingo no Reino de León.
ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Jordan (Moreira, min. 73), Fondevila (Moya, min. 77), Manu Rodríguez, Quim; e Mensha (Navarro, min. 59).
CARTÓNS: Amarelos para Mensha e Catú.
GOLES: 1-0 3' Mensha, 2-0 61' Quim Araujo.
ESTADIO: San Lázaro. Boa entrada no primeiro encontro da tempada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario