O Compos descoñece o que é gañar un partido de Liga lonxe de San Lázaro dende 2013. Máis dun ano sen sumar os tres puntos a domicilio, dende o retorno á Segunda B, e chega a un campo onde houbo unha gran ocasión de vencer a pasada tempada. Un campo relativamente asequible ante outro equipo que tamén fixo unha revolución no mercado estival con vistas aos postos altos da categoría. Un duelo no que nas últimas horas medraron as intencións de anular, sobre todo, ao ex da Esedé Diego Peláez despois das súas declaracións no Correo Gallego.
Segundo partido da tempada, estrea lonxe de Santiago, e visita á Cultural Leonesa. Dous equipos con máis de dez novidades nas plantillas incluindo os adestradores que deixaron boas sensacións na primeira xornada. Sen embargo, dous equipos con altas aspiracións nesta tempada que buscarán sumar unha nova vitoria, a primeira no caso dos casteláns.
Diante estará o novo equipo de Diego Peláez, ex centrocampista branquiazul que defendeu as cores do equipo da capital as dúas últimas tempadas cun ascenso incluido. O santiagués, que denunciou ao equipo por impagos antes de rematar a pasada tempada, avisou que recibirá ao seu ex equipo con intencións de facer algún gol e sen agocharse, xa que dixo que o celebraría de logralo, algo que non parece ter moi fácil ante Catú e Alcañiz, que unha vez máis perfílase como a parella de centrais.
Esta será a quinta vez que o Compos visite o Reino de León nos últimos quince anos. Dúas derrotas, unha vitoria e un empate avisan da dificultade do encontro. Sen embargo, as dúas últimas visitas remataron con 6 goles visitantes e catro locais, 2-4 en 2009 e 2-2 a pasada tempada nun dos mellores encontros a domicilio. Un partido serio dos homes de Fredi con serias posibilidades de gañar adiantándose ata en dúas ocasións, con goles de Gonzalo e Catú, os dous a base de xogadas a balón parado.
O partido será este domingo ás 18 horas no Reino de León.
Ningún comentario:
Publicar un comentario