Zamora, unha nova final

A Esedé debe afrontar un novo partido como se dunha final se tratase. A visita a Zamora deberá traer consigo a primeira vitoria lonxe de San Lázaro desta tempada, algo que de momento está a ser moi complicado de chegar. Ante un rival da zona media da táboa, novenos, e ante o que o equipo, de momento, logrou o mellor resultado da tempada.
Dous equipos coa permanencia en mente veranse as caras este domingo no Estadio Ruta de la Plata co obxectivo de sumar tres puntos e poder ter un pouco de aire de cara ás vindeiras datas. No caso do Compos, a un só punto do descenso, os tres puntos deben chegar si ou si xa que de non facelo poderían caer aos postos de retorno á Terceira división, algo co que está a xogar toda a tempada. 
O equipo castelán recibirá ao Compos con 32 puntos, sete máis que os santiagueses e nun bo estado de forma xa que sumaron oito dos quince puntos disputados no que vai de 2014. Un equipo forte na casa que sumou ata o momento 23 puntos anotando 22 goles en 11 partidos e encaixando só 9. Sete vitorias, dous empates e outras dúas derrotas, ante Sporting B e UD Logroñés, demostran o difícil que é gañar no campo zamorano. 
Sen embargo, o Compos xa sabe o que é gañar ao Zamora esta tempada e ademais con goleada. Os de Fredi recibiron a un Zamora líder na primeira volta e o resultado foi un contundente 4 a 0 con goles de Jordan, Jimmy e Joselu por partida dobre nun dos grandes partidos do equipo no que vai de tempada. E se miramos un pouco máis ao pasado, tamén sabe o que é empatar no Ruta de la Plata, onde sumou un punto na tempada 2009/10 con gol de Jimmy, e gañar, algo conseguido no 2002 por 2-3 con dous goles de Maikel e un de Adriano. No 2004 a visita do Compos saldouse cun 2-1 favorable aos locais.
Para este partido, Fredi non poderá contar con Fran Pastor, Germán nin Jacobo por lesión. Pola súa parte, Roberto Aguirre perde para este partido con Dani Mateos nin Cristian, os dous por lesión. Ademais, os casteláns perderon no mercado de inverno a Montero, máximo goleador do equipo e que fixo as maletas en xaneiro para xogar o que resta de tempada no Xaén da Segunda división.
O partido será este domingo ás 17 horas e poderase ver a través da web 'Zamora CF Directo' previo pago de 3 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario