O Compos voltou de Zamora cun punto nun mal partido por parte dos dous equipos. Dous goles nas poucas chegadas nos noventa minutos con Adrián salvando outra vez ao equipo dunha nova derrota. Joselu foi o autor do gol do empate e suma xa 16 goles no que vai de tempada. O equipo, que foi de menos a máis non puido facer máis para saír do Ruta de la Plata cos tres puntos.
O comezo do encontro non puido ser peor. En menos dun minuto chegou o gol do Zamora, obra de Dalmau a pase de Hugo Aguado. Un gol tan doloroso como rápido e que non serviu para que o Compos mellorase nos primeiros minutos, senón que foi o equipo castelán o que mantivo o nivel durante toda a primeira metade protagonizando as mellores ocasións dos primeiros corenta e cinco minutos.
A Esedé foi de menos a máis e a partir do cuarto de hora de xogo comezaron a chegar, aínda que sen perigo, as primeiras ocasións do conxunto branquiazul. Jordan avisou cun bo disparo que atallou sen demasiados problemas Imanol e a partir de aí mellorou aínda máis o equipo ata firmar o empate á media hora de xogo. Joselu controla, vaise dun defensa e supera ao porteiro dentro da área.
Na segunda metade, o Compos saíu moito mellor e manexando o control do esférico. Sen embargo, ningún dos dous equipos fixo méritos para rematar o encontro por diante no marcador. Sen ocasións de perigo, os dous porteiros remataron a segunda metade cumprindo o traballo sen encaixar máis goles certificando un reparto de puntos, que deixa ao Compos na mesma praza e a un punto do descenso, que ocupa o Coruxo despois de non poder xogar hoxe polo temporal.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja (Diego Rey, min. 78), Jesús Varela, Santi Taboada, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan, Manu Rodríguez (Diego Peláez, min. 46), Yahvé (Fondevila, min. 72); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Catú e Santi Taboada.
GOLES: 1-0 1' Dalmau, 1-1 32' Joselu.
ESTADIO: Ruta de la Plata. 1.300 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario