O Guijuelo lévase os tres puntos

En San Lázaro, este domingo, máis do mesmo de sempre. O equipo fixo un mal partido e non puido rematar con puntos ante un dos favoritos por loitar polo ascenso á Segunda división. As ocasións, poucas e ningunha clara, chegaron de parte do Compos mentres o Guijuelo puxo os goles nunha tarde de chuvia. 
Sen puntería, bo xogo nin intensidade, o equipo saltou buscando dar a sorpresa ante un rival que non parecía estar cómodo sobre o terreo de xogo. Sen embargo, ao Compos costáballe crear perigo con claridade sobre a porta contraria. Xogo no centro do campo sen conseguir superar a un equipo seguro en defensa que non regalou nada nos noventa minutos. 
Joselu, unha vez máis, foi o mellor do equipo intentando sacarse de enriba aos defensas contrarios, que non deixaron tranquilo en ningún momento ao dianteiro branquiazul. Un perigo constante sobre a porta de Wilfred pero coa puntería algo desviada e sen sorte. De feito, o de Palmeira tivo nas súas botas as dúas mellores ocasións da primeira metade topándose en ambas co porteiro. 
Pola súa parte, o Guijuelo só puido achegarse nunha ocasión á porta de Adrián nos primeiros corenta e cinco minutos cun disparo dende lonxe que puido sorprender ao porteiro... e a todo San Lázaro xa que estivo a piques de colarse na porta.
Na segunda metade, o equipo salmantino saiu buscando os tres puntos. Os casteláns puxeron máis intensidade, pasaron a dominar o encontro e en dez minutos, aproveitando un erro da defensa loca, puxeron o primeiro no marcador tumbando moralmente ao Compos, que non soubo erguerse do golpe recibido.
Co resultado adverso, o equipo non soubo que facer e o Guijuelo achegouse con máis facilidade á porta de Adrián. E só quince minutos despois de adiantarse, chegou o segundo gol dos visitantes que aumentou os nervios nos locais en busca dun punto polo menos. 
As presas aumentaron notablemente e o equipo aumentou a intensidade na busca por un gol con vinte minutos por diante. Sen embargo, o gol da esperanza non chegou ata o último minuto do tempo regulamentario cun disparo de Diego Rey. 
En resumo, nova derrota do Compos, máis críticas nas bancadas e a pensar na vindeira xornada, en Zamora.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja (Jesús Varela, min. 64), Taboada, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan, Yahvé, Peláez (Diego Rey, min. 64), Óscar Fondevila (Nacho, min. 74); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Gonzalo.
GOLES: 0-1 55' Gago, 0-2 71' Chuchi, 1-2 90' Diego Rey.
ESTADIO: San Lázaro. 930 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario