Unha nova derrota da Esedé esta tempada, e xa van 9, nun mal partido lonxe de San Lázaro. Corenta e cinco minutos nos que o equipo non fixo acto de presenza bastaron ao Real Avilés para sumar dous goles cos que case matar o encontro. Na segunda metade apareceu o Compos pero xa foi tarde. Un gol de Jordan mantivo as esperanzas de remontada pero dous erros imperdoables ante o porteiro regalaron unha nova vitoria ao rival.
Durante a primeira metade, os galegos non estiveron sobre o campo. O Avilés dominou de principio a fin e en menos de vinte minutos, na primeira ocasión clara que tiveron, chegou o primeiro gol do encontro. Alex Arias recolle un balón na banda esquerda, entra na área e pon o balón no segundo pau sorprendendo a todos e onde Adrián non puido facer máis.
O gol non serviu para que os pupilos de Fredi se meteran no partido e só cinco minutos despois puido caer o segundo nun man a man que o porteiro coruñés solventou de forma prodixiosa. Sen embargo, o equipo, sen Gonzalo, tivo serios problemas para crear perigo na outra portería e abusou dos pases en longo rifando cada balón.
A mala sorte, mesturada co mal partido realizado, durou vinte minutos máis. Ése foi o tempo que precisou o Avilés para levar o partido ao descanso cunha conta moi favorable. Recuperan os asturianos no centro do campo, xogada pola banda dereita, centro e gol de Cristian de chilena para deixar o partido case finiquitado.
Tras o descanso, o cambio sobre o terreo de xogo foi radical. Sen Jacobo nin Castiñeiras pero con Diego Rey e Fondevila sobre o campo, o equipo mellorou notablemente e as ocasións non tardaron en chegar. O Compos meteu ao rival no seu campo pero faltaba a finalización das xogadas con efectividade, un dos erros a mellorar esta tempada.
Aos nove minutos chegou o gol da esperanza nunha xogada embarullada na área despois dun disparo de Joselu ao longueiro que non perdoou Jordan no rexeite. Entón o equipo aumentou a intensidade e pasou a dominar o encontro en campo contrario. Sen embargo, unha vez máis, a falta de sorte cebouse co Compos.
Ata tres chegadas importantes en menos de dez minutos puideron cambiar o signo do encontro. Pero Diego Peláez, autor dos tres disparos, topouse coa defensa e o porteiro locais, que evitaron o empate en tres goles cantados.
Unha vez máis, o perdón branquiazul fixo que o rival puidera sentenciar o encontro definitivamente no tramo final. Camochu, ex do Celta B, necesitou uns segundos baixo unha intensa chuvia para facer o terceiro cun disparo desde dentro da área pequena despois dunha falta lateral no que Adrián puido facer algo máis para evitalo.
Finalmente, o Compos remata a xornada cunha derrota máis no seu casilleiro na décimo cuarta posición, fóra dos postos de descenso pero a un punto da promoción de descenso e a catro dos postos de perigo.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras (Diego Rey, min. 46), Catú, Jimmy; Santi Taboada; Jordan (Nacho, min. 81), Yahvé, Peláez, Jacobo (Fondevila, min. 46); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Santi Taboada e Yahvé.
GOLES: 1-0 18' Álex Arias, 2-0 38' Cristian, 2-1 54' Jordan, 3-1 86' Camochu.
ESTADIO: Ramón Sánchez Puerta. 1.826 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario