O Compos volveu a caer lonxe da casa. O Coruxo respira grazas ao equipo santiagués, que unha vez máis foi a peor co paso dos minutos. Outro partido no que a Esedé comezou gañando pero no que na segunda metade, co baixón, chegaron dous goles en contra perdendo tres puntos moi importantes contra un rival directo por non descender. A única nota positiva foi a estrea de Nacho como goleador despois de vinte xornadas.
Sobre un terreo de xogo estragado polo mal tempo que azouta Galiza nestas datas, o partido tivo que basearse nun xogo en longo. Os locais aproveitaron isto e durante os primeiros minutos levaron o control do encontro. Sen embargo, co paso dos minutos foi mellorando a Esedé, aínda que sen atopar a porta con claridade nos primeiros corenta e cinco minutos.
A velocidade polas bandas, dirixidas por Joselu e Jesús Varela, foi a fórmula utilizada por Fredi, na corda frouxa, para atopar a porta rival. Aínda así, na primeira metade os porteiros non tiveron traballo destacable e chegouse ao descanso sen goles no marcador.
Na segunda metade, o Compos saiu cunha marcha máis e atopando con máis facilidade a porta defendida por Fernando. Sen embargo, o gol non chegou ata o cuarto de hora. Yahvé inténtao de falta directa, rexeita mal o porteiro e aparece Nacho para rematar a gol o primeiro da tarde cun pouco de sorte. Primeiro gol do santiagués coa Esedé no que vai de tempada.
Do ceo ao inferno en cinco minutos. O partido parecía estar de cara pero na seguinte xogada de perigo dos vigueses chegou o empate. Antúnez recolle un balón fóra da área e pégalle directo á escuadra. Adrián non chega pero pode facer moito máis para evitar o gol que cambiou totalmente o rumbo do encontro.
O Coruxo achegouse pouco a pouco á porta de Adrián nos últimos minutos e a falta de seis lograron o gol da vitoria definitiva, que a Esedé non soubo remediar. Gol de Chaco coa cabeza tras unha xogada a balón parado, numerosas no encontro, e os tres puntos quedarían no Vao.
O vindeiro partido en San Lázaro, ante o Marino de Luanco, será un encontro importantísimo de cara ao rumbo da tempada e no que só se pode pensar en gañar.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Fondevila, min. 84), Jesús Varela (Taboada, min. 66), Yahvé (Peláez, min. 73), Joselu; e Nacho.
CARTÓNS: Amarelos para Yahvé, Jordan e Gonzalo.
GOLES: 0-1 61' Nacho, 1-1 67' Antúnez, 2-1 84' Chaco.
ESTADIO: O Vao. 600 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario