O Compos afrontará este domingo a primeira final do campionato. Tres puntos moi importantes para fuxir dos postos de descenso, aos que cae o equipo tras a vitoria do Coruxo ante o Celta B en Barreiro. Un encontro difícil contra o Marino de Luanco, rival da zona media da táboa e que quedaría a tres puntos da Esedé de finalizarse o encontro cun resultado favorable.
San Lázaro acollerá este domingo un dos partidos máis importantes da tempada, por non dicir o máis importante do que levamos de ano. Un encontro no que se xogan tres puntos vitais para o equipo branquiazul, que precisa xa dun cambio drástico en canto aos resultados, sumou só nove dos últimos trinta puntos e acumula dúas derrotas consecutivas descoñecendo a vitoria neste 2014.
Diante estará o Marino de Luanco. O equipo asturiano ocupa a oitava praza da clasificación con 28 puntos, seis máis que o Compos, despois de gañar 7 encontros, empatar outros 7 e perder 6. Trátase, ademais, dun dos equipos menos goleadores con só 22 goles a favor e, por contra, un dos menos goleados con 18 en contra. A nivel individual, hai que ter en conta a Rafa Ponzo, segundo na carreira por ser o porteiro menos goleado da categoría.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Manu Rodríguez, Germán, Julen e Fran Pastor por lesión nin con Jorge Rodríguez por decisión técnica. Pola súa parte, Quirós perde a Dudi, Oleg, Boris e Chus Hevia, todos por lesión.
Tendo en conta os precedentes, o Compos gaña por goleada. O Marino de Luanco só visitou nunha ocasión San Lázaro, no 2002, e o resultado foi un contundente 5-1. Sen embargo, esta tempada o resultado na primeira volta, en Asturias, foi un 3-1 con gol de Joselu.
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro e asubiará o castelán-leonés Óliver De La Fuente Ramos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario