Unha vez máis, o Compos sairá de Santiago na busca da primeira vitoria lonxe de San Lázaro, un fortín en 2013 onde só o Racing de Santander soubo gañar. Os de Fredi visitarán O Vao nun encontro onde os dous equipos pasan por un mal momento. De feito, o Coruxo ocupa postos de descenso, dos que non sairá de sumar os tres puntos pero metería en serios problemas á Esedé.
O Coruxo recibirá ao conxunto santiagués desde a décimo sétima posición tras sumar catro vitorias, cinco empates e dez derrotas. É o equipo menos goleador da categoría con só 16 goles no que vai de tempada ao seu favor e o terceiro que máis recibe, 32. A nivel individual, Pedro Vázquez e Antúnez comparten o primeiro posto na táboa de goleadores do equipo con 3 dianas cada un.
O Vao acollerá un encontro no que ademais dos tres puntos os dous equipos xogaranse o orgullo. Un derbi importante e que na primeira volta saldouse coa vitoria branquiazul cun contundente 3-1. Castiñeiras, Manu Rodríguez e Jordan sumaron as tres dianas con asistencia de Joselu incluida. Pola súa parte, o gol vigués foi obra de Chaco.
No apartado das baixas, Fredi non poderá contar con Manu Rodríguez, que estará de baixa tres semanas, Julen nin Germán. Rafael Sáez, por contra, só conta coas dúbidas ata última hora de Pardavila e Claudio, mancados.
En canto ao partido anterior, o Compos caeu ante o Ourense no último minuto nun partido no que os de Fredi foron de máis a menos. Pola súa parte, o Coruxo empatou na visita a Las Gaunas ante a SD Logroñés con gol de Alberto García.
O partido será este domingo ás 16:45 en O Vao.
Ningún comentario:
Publicar un comentario