O mesmo conto pero no 2014

A Esedé mantén os mesmos erros que no 2013 neste comezo do novo ano. O 2014 non comezou ben para o Compos nun encontro no que se pasou do dominio local á remontada final do conxunto vermello. Moito perdón durante a primeira metade sobre a porta de Táboas na que só Jimmy foi capaz de atinar co camiño ao fondo das mallas. O Ourense demostrou unha vez máis un gran acerto marcando nas dúas mellores ocasións que tiveron, a segunda no último minuto. 
Durante a primeira metade o Compos levou o control do encontro ao campo contrario. Alta intensidade e presión no medio do campo. Perigo constante con Joselu, Peláez e Yahvé protagonizando as mellores xogadas en ataque pero errando, unha vez máis, á hora de finalizar as ocasións con precisión. Erro tras erro a Esedé permitiu ao conxunto visitante pensar en puntuar ou, incluso, repetir a xesta lograda só polo Racing de Santander ata o de agora esta tempada. 
Para sorpresa de todos, xa que se trata dun xogador que non busca moito a porta contraria, Jimmy mesturou calidade, velocidade e potencia para adiantar ao Compos cun golazo co que puxo en pé San Lázaro. Recolle o balón na banda dereita, achégase á área e desde fóra pégalle sen pensalo dúas veces. O esférico colle efecto e entra no segundo pau. Golazo para enmarcar xusto antes de chegar ao descanso. 
Na segunda metade trocáronse os papeis. O Ourense mellorou notablemente e o Compos baixou o ritmo indo de máis a menos co paso dos minutos. As imprecisións sucedéronse no centro do campo e iso aproveitouno o equipo de Luisito para anotar e dar a volta ao encontro coas dúas únicas ocasións de perigo sobre a porta de Adrián. 
Con tempo suficiente por diante para atopar un remedio, Gustavo Souto puxo o empate no marcador aproveitando que os defensas branquiazuis buscaron a outro rival deixando só ao vigués, que só tivo que pegarlle desde o pico da área pequena. 
O empate non estaba a ser un mal resultado visto o xogo realizado polos dous equipos na segunda metade. Pero unha vez máis apareceu Gustavo Souto para acabar co Compos. Centro ao corazón da área e ante tres contrarios, o dianteiro pegoulle e meteuna na escuadra local sen posibilidades de reacción. Gol no tempo engadido moi doloroso que deixa á Esedé a un punto do descenso e a once da promoción de ascenso, algo practicamente imposible esta tempada.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús (Borja Facal, min. 83), Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan, Manu Rodríguez, Peláez (Fondevila, min. 64), Yahvé (Nacho, min. 73); e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Castiñeiras e Jordan.
GOLES: 1-0 45' Jimmy, 1-1 68' Gustavo Souto, 1-2 91' Gustavo Souto.
ESTADIO: San Lázaro. 1.256 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario