O Compos loitará este domingo, unha vez máis, pola primeira vitoria lonxe de San Lázaro. Os pupilos de Fredi voltarán ao traballo despois dunha fin de semana de descanso coa mente posta en superar ao Burgos en El Plantío. Un partido entre dous equipos da zona media da táboa no que o resultado podería cambiar moito as cousas.
A Esedé voltará a Burgos, casa dun dos históricos do fútbol español, despois de vinte anos. E é que a última vez que o equipo visitou El Plantío foi na tempada 1993/94 na Segunda división nun encontro no que o Compos caeu por 3-1 con gol de Fabiano para os santiagueses e con Fernando Castro Santos no banco.
Esta vez as cousas son moi diferentes. Naquela tempada, o Compos rematou ascendendo á Primeira división mentres que o Burgos perdeu a categoría. Esta vez os dous equipos loitarán por retornar á categoría de prata do fútbol nacional e unha vitoria faría que os de Fredi se achegasen un pouco máis aos postos altos da clasificación.
Para isto, o adestrador de Moaña non poderá contar con Catú, Julen nin Adrián, baixas confirmadas, e conta coas dúbidas de Gonzalo, Borja e Manu Rodríguez, ámbolos tres con molestias nos últimos días. Pola súa parte, Calderé non poderá ter á súa disposición a Joaqui por motivos personais.
O Compos chegará a este partido despois de descansar a pasada semana, pola expulsión do Salamanca da categoría, Ademais, os de Fredi aínda non coñecen a vitoria lonxe da casa despois de sumar tres empates e tres derrotas. Pola súa parte, o Burgos chega de caer en Las Gaunas ante a SD Logroñés por 3-0. Sen embargo, na casa os de Calderé son un equipo difícil de bater. Despois dun mal comezo cunha derrota ante o Oviedo e un empate fronte o Noja, os casteláns sumaron ata cinco vitorias consecutivas como locais.
O encontro será este domingo en El Plantío ás 17 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario