O Compos volveu ao gran nivel dos primeiros partidos da tempada pero sen a sorte precisa, que estivo do lado ovetense. Empate que deixa cun mal sabor de boca aos santiagueses, que mereceron a vitoria. O Oviedo, pola súa parte, aproveitou un erro defensivo para transformar a única ocasión ante a porta de Lorenzo. Joselu, unha vez máis e xa van nove, firmou o gol branquiazul para confirmarse como o máximo goleador da categoría.
Na volta do equipo a unha cidade que está na historia do Compos dende fai case vinte anos, a primeira vitoria a domicilio non puido chegar por falta de sorte. Gran partido con monólogo branquiazul incluido pero sen sorte á hora de transformar a posesión en goles xa que as ocasións con perigo chegaron grazas á sociedade formada por Joselu e Diego Peláez, dous xogadores que destacan en cada partido.
O centrocampista santiagués puxo un pase longo perfecto para que o de Palmeira só tivese que controlar, aproveitar a súa velocidade e superar por baixo ao porteiro local, que non puido facer máis para evitalo. Sen embargo, a superioridade, merecida, no marcador só durou tres minutos. Na primeira chegada dos asturianos chegou o gol do empate tras un erro de Taboada á hora de despexar un balón.
Co empate pero co Compos moi superior sobre o terreo de xogo chegouse ao descanso. Tras o paso por vestiarios, o Oviedo saíu mellor aínda que foi o Compos quen protagonizou as mellores ocasións do partido. Nesta ocasión Jesús Varela uniuse a Joselu e Peláez na lista de protagonistas das mellores oportunidades da segunda metade.
O encontro volveuse espeso e lento. Ademais a actuación arbitral non axudou a que o ritmo do partido fora bo. Debido a isto, tanto Fredi como o seu asistente remataron o partido nas bancadas expulsados por protestar. En canto ás ocasións, o Compos volveu a levar o mando do encontro pero sen conseguir transformalas no segundo gol.
Un empate no mellor partido a domicilio no que vai de tempada ante o actual segundo clasificado da categoría.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jesús (Borja Facal, min. 91), Taboada, Jorge, Jimmy; Gonzalo; Óscar (Pastor, min. 70), Manu, Peláez (Germán, min. 90), Jacobo; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jesús e Gonzalo.
GOLES: 0-1 23' Joselu, 1-1 26' Sergio García.
ESTADIO: Novo Carlos Tartiere. Aproximadamente 5.000 persoas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario