O Compos non puido voltar de Burgos cos tres puntos nun partido condicionado polas lesións de Yahvé e Jesús Varela cando mellor estaba o equipo. O Burgos remontou un gol de Yahvé aproveitándose dun conxunto que foi de máis a menos. Os trocos, obrigados, tocaron a un equipo que parecía moi superior.
Os de Fredi saíron ao terreo de xogo con intencións de superar ao contrario dende o antes posible. Presión alta e alta intensidade con ocasións claras nos primeiros minutos e un gol na primeira chegada perigosa. Falta preto da área que pon Yahvé onde o porteiro local non tivo ningunha posibilidade de paralo. Un golazo co que o xogador vigués demostrou, unha vez máis, a súa calidade.
O equipo mantivo o nivel na busca do segundo gol da tarde, que nalgunha que outra ocasión estivo preto de chegar. Sen embargo, os problemas non tardaron en chegar. Yahvé tivo que retirarse do terreo de xogo cunha dislocación no ombreiro. E só un minuto máis tarde, nunha chegada dun dianteiro burgalés, Lorenzo cometeu un penalti, posiblemente, innecesario. E desde os once metros Prats inaugurou a súa conta no partido enganando ao porteiro branquiazul.
Pero os problemas aumentaron. Despois da lesión de Yahvé e do gol do empate, Jesús Varela tivo que deixar o seu posto a Borja Facal tamén mancado. Tres golpes duros que deixaron moi tocado ao Compos antes do descanso.
Tralo paso por vestiarios, os pupilos de Fredi baixaron unha marcha máis pero mantivéronse no encontro, con posibilidades de sumar os tres puntos. Joselu, referente en ataque unha vez máis, estivo a piques de sumar unha nova diana no seu casilleiro. Sen embargo, o perdón da Esedé rematou cun erro infantil, un máis esta tempada, e co segundo gol local. Centro dende o pico da área, Lorenzo sae pero erra no despexe e Prats recolle un balón sen dono e marca a porta baleira.
Nese momento rematou o partido para un Compos que durante unha hora mereceu algo máis. Media hora por diante na que os burgaleses tiveron numerosas ocasións e puideron sentenciar o encontro no desconto co terceiro gol, obra de Pacheta a pase de Prats, mellor do encontro.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jesús Varela (Borja, min. 33), Germán, Jorge Rodríguez, Jimmy; Gonzalo, Fondevila; Jacobo, Peláez (Nacho, min. 75), Yahvé (Manu Rodríguez, min. 30); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Lorenzo, Peláez e Germán.
GOLES: 0-1 10' Yahvé, 1-1 32' Prats, 2-1 67' Prats, 3-1 90' Pacheta.
ESTADIO: El Plantío.
Ningún comentario:
Publicar un comentario