O Compos e o Sporting de Xixón B empataron nun partido onde ningún dos dous equipos tivo ideas para superar ao contrario. Mal partido de ambos onde os erros significaron os dous únicos goles. Joselu e Catú, unha vez máis, foron os nomes propios cun gol e unha intervención no último momento. Zambrano aproveitou os problemas santiagueses en defensa a balón parado para firmar o gol asturiano.
O Sporting saíu con intencións de levarse os tres puntos para casa ante un Compos que non fixo unha boa primeira metade. Os visitantes comezaron buscando con perigo a portería de Adrián rematando así cada posesión. Sen embargo, non foi ata os vinte minutos de xogo cando o filial xixonés puido adiantarse. Saque de esquina que non acerta a despexar ningún defensa e cabecea Zambrano a gol.
Co resultado en contra, o Compos mellorou notablemente e comezou a inquietar a porta defendida por Denís. De máis a menos, os pupilos de Fredi contaron con dúas boas chegadas antes de chegar ao descanso, aínda que sen sorte. Diego Peláez buscou o empate coa cabeza mentres que Catú, minutos despois, fixo o propio de chilena enviando o balón ás mans do porteiro rival.
Xa na segunda metade, o Compos saíu mellor ao terreo de xogo e buscando o gol do empate. A intensidade do xogo aumentou notablemente pero as ocasións, chegadas con contagotas, chegaron no mesmo número por parte de cada equipo. Os branquiazuis foron superiores e utilizaron a posesión do esférico para crear perigo mentres que os branquivermellos optaron polos contraataques poñendo en apuros a Adrián en máis dunha ocasión.
Joselu, unha vez máis, protagonizou as mellores chegadas á porta rival pero non foi ata o ecuador do segundo tempo cando o dianteiro de Riveira anotou unha nova diana. Xogada individual con parede con Nacho incluida e gol do '9', que confirmou así un novo bo partido a nivel individual.
Ata o final, a vitoria puido chegar por calquera lado. Os dous equipos tiveron ocasións para levarse os tres puntos. O Compos non foi capaz de superar a Denís mentres que Pablo Pérez superou a Adrián pero topouse con Catú baixo paus, que salvou un gol cantado.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja (Nacho, min. 46), Castiñeiras (Yahvé, min. 59), Catú, Jimmy; Taboada; Jesús, Jacobo, Peláez, Jordan (Pastor, min. 66); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jordan, Taboada, Yahvé e Jacobo.
GOLES: 0-1 20' Zambrano, 1-1 70' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 1.100 persoas aproximadamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario