ºPartido onde dous minutos fatídicos condearon a un equipo que púxose por diante moi cedo. Os locais aproveitaron dous erros da defensa branquiazul despois da lesión de Adrián, que estará de baixa por unha rotura de fibras. Yahvé adiantou aos santiagueses mentres que Diego Vela e Manu Barreiro fixeron o propio polo conxunto ferrolán.
Unha primeira metade xenial da Esedé non foi suficiente para sumar tres puntos máis e seguir ascendendo postos na clasificación. Corenta e cinco minutos onde non houbo problemas en defensa para evitar sustos e nos que os pupilos de Fredi souberon poñerse por diante moi cedo. Aos dez minutos, Joselu rouba un balón na banda e pon un centro perfecto para Yahvé, que só ten que dar a volta e pegarlle para poñela imposible para Camacho, que non puido facer nada.
Ata o descanso, o equipo santiagués mantivo o manexo do balón e do partido metendo aos ferroláns no seu campo sen conseguir materializar boas ocasións. Ademais, co paso do tempo o partido foi trabándose cada vez máis debido ás numerosas faltas.
Xa na segunda metade, o Compos buscou a porta nos primeiros minutos sen recompensa, unha vez máis. Pola súa parte, o Racing saíu na busca de mellorar e correxir os erros da primeira parte. Tiveron o esférico durante os corenta e cinco minutos e meteron no seu campo ao Compos, que só puido intentalo á contra sen sorte.
Sorte tivo o equipo local nun minuto que comezou cun disparo de Vela directo ao longueiro. O rexeite recolleuno de novo o ex xogador do Deportivo B tras saír do terreo de xogo e, en fóra de xogo, bate a Lorenzo, que tivo que entrar pola lesión de Adrián dez minutos antes. Pero o mal debut do porteiro de Padrón non quedou aí. Só un minuto máis tarde, Manu Barreiro aproveitou un erro da defensa e superou a Lorenzo no man a man.
Co resultado en contra, o Compos intentou buscar o empate á contra sen fortuna. Sen balóns aos xogadores do ataque, o único que atopou o camiño á porta nos últimos minutos foi Diego Peláez, que xogou só o último cuarto de hora.
ALIÑACIÓN: Adrián (Lorenzo, min. 65), Borja Facal (Diego Peláez, min. 76), Taboada, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jesús Varela, Manu Rodríguez, Yahvé (Jacobo, min. 62), Jordan; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Taboada, Gonzalo, Catú e Peláez.
GOLES: 0-1 10' Yahvé, 1-1 75' Diego Vela, 2-1 76' Manu Barreiro.
ESTADIO: A Malata. 1.200 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario