Merecida vitoria no derbi

O Compos sumou a segunda vitoria consecutiva con vistas á promoción de ascenso a Segunda. Vitoria tan sufrida como merecida dun equipo que foi moi superior ao filial celeste. Dous goles de Joselu, o segundo no tempo engadido desde o punto de penalti, serviron para que a Esedé remate a undécima xornada na sétima posición a só un punto do Guijuelo, cuarto clasificado xa nos postos de promoción. 
O equipo de Fredi tomou o control do encontro dende o primeiro minuto, pero o primeiro golpe chegou moi cedo. En cuestión de cinco minutos, Jorge Rodríguez, substituto de Santi Taboada no centro da defensa esta vez, tivo que deixar o terreo de xogo mancado deixando aos locais cun xogador menos durante uns minutos. 
Aproveitando os problemas defensivos dos compostelanistas, o Celta B fixo o primeiro da noite na mellor ocasión dos vigueses ante Adrián. Xogada dentro da área e Borja Domínguez supera ao porteiro coruñés. 
Despois do gol, o equipo reaccionou rapidamente con Joselu, Jordan e Yahvé protagonizando as mellores ocasións. E superado o cuarto de hora de partido, unha falta que bota Gonzalo por enriba da barreira e Joselu, o máis listo da clase, controla o balón e supera a Óscar. 
Xa na segunda metade o partido foise quentando cun gran número de faltas entre o dominio branquiazul. Dominio claro do Compos pero sen conseguir as ocasións con tanta facilidade como na primeira metade. Ademais, para mellorar un pouco o partido, o filial vigués quedou cun xogador menos a falta de doce minutos para final.
Pero aínda habería que sufrir para firmar a vitoria. Pouco a pouco, ante un equipo que se conformaba co empate, o Compos buscou a porta rival sen acerto nin sorte. Diante atopábase un Celta B que limitouse a defender e buscar a Thaylor na busca de rápidas contras, todas ben freadas pola defensa local. 
E chegado o tempo engadido, Goldar comete falta sobre Nacho nun córner dentro da área e o colexiado non o dubida nin un momento. Penalti e oportunidade para que Joselu sume un gol máis e tres puntos no casilleiro do Compos, que buscará en Ferrol a terceira vitoria consecutiva. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Jorge Rodríguez (Jordan, min. 11), Jimmy; Gonzalo; Jesús, Manu Rodríguez, Peláez (Jacobo, min. 54), Yahvé (Nacho, min. 67); e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Jordan, Gonzalo e Borja.
GOLES: 0-1 8' Borja Domínguez, 1-1 16' Joselu, 2-1 93' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 1.200 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario