O Compos xa está máis preto do obxectivo, do ascenso, despois dun gran segundo tempo ante o AD San Juan. Un partido moi complicado no que houbo que agardar ata a segunda metade para ver os goles que farán que a Esedé estea na final da promoción de ascenso, a menos que o equipo navarro consiga unha remontada histórica en Pamplona. Gonzalo, Jimmy e Joselu lograron os tres goles en cuestión de vinte minutos.
Durante a primeira metade o esférico non tivo un dominador claro. Os dous equipos loitaron por facerse co esférico e crear ocasións. Pero ningún soubo superar á defensa rival e as poucas oportunidades de gol da primeira metade chegaron con contagotas. Por parte do Compos, a falta de Joselu, Yahvé e Diego Peláez puxeron o perigo sobre a portería de Guillermo.
Na outra portería, Adrián non tivo problemas para rematar a primeira parte sen encaixar ningún gol grazas ao gran traballo da defensa branquiazul. Sen embargo, o equipo navarro estivo mellor situado sobre o terreo de xogo durante o último cuarto de hora da primeira parte.
Xa na segunda metade, en cinco minutos cambiou moito o partido. E é que nunha xogada sen perigo, Ezcurra viu o segundo cartón deixando ao seu equipo con dez. Na seguinte xogada, Gonzalo transformou a falta axudado por un erro do porteiro navarro, que non conseguiu capturar o esférico cando xa parecía que o tiña nas mans.
Co resultado favorable e ante dez, o Compos puido facer mellor o seu xogo e as ocasións sobre a portería navarra sucedéronse. Sen embargo, ningunha chegou coa sorte necesaria para superar ao gardameta. Ata que na enésima chegada, un disparo de Jimmy foi rexeitado polo porteiro e golpeu en Alustiza antes de entrar sumando o segundo gol.
Cinco minutos antes do segundo tanto entrou ao terreo de xogo Joselu baixo unha gran ovación dos máis de tres mil afeccionados branquiazuis concentrados nas bancadas de San Lázaro. O de Palmeira foi determinante unha vez máis e despois dunha xogada individual rematou o sentenciou co terceiro gol da tarde.
A festa nas bancadas era total e sobre o terreo de xogo o equipo baixou un pouco o pé do acelerador e o San Juan tivo algunha ocasión a balón parado sobre a porta de Adrián pero sen asustar o máis mínimo ao gardamallas.
A vindeira semana, partido en Pamplona para certificar o pase á última rolda da promoción.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez (Martín, min. 68); Jordan, Peláez (Nogueira, min. 83), Yahvé; e Marcos (Joselu, min. 62).
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Joselu e Nogueira.
GOLES: 1-0 52' Gonzalo, 2-0 68' Jimmy, 3-0 74' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 3.500 espectadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario