Visita á zona baixa

O Compos buscará manter a serie de bos resultados ante o Céltiga, antepenúltimo clasificado da categoría. Un novo partido do equipo santiagués contra un equipo da zona baixa da táboa do que os branquiazuis deben volver cos tres puntos. Pola súa parte, o Céltiga recibe ao cuarto clasificado coa única intención de achegarse aos postos de salvación, que agora mesmo teñen a sete puntos. 
Décimo oitavos, os da Illa de Arousa non pasan pola súa mellor campaña e teñen un pé na Rexional Preferente. Sumaron só 25 puntos ata o de agora. Segundo equipo que menos victorias suma, só 5, e un dos que máis empata, 10. Levan ademais 6 partidos sen coñecer a victoria pero entre eses partidos suman dous empates ante Pontevedra na casa e Celta B en Barreiro demostrando ser un equipo que lle ten tomada a medida aos grandes. Sen embargo, os malos datos melloran se xogan na casa xa que ata o de agora lograron 16 puntos como locais. E como xogador a ter en conta, o máis perigoso, está Janeiro, máximo goleador con 5 goles anotados, catro deles dende os once metros. 
Para este partido, Fredi non poderá contar con Germán por sanción e Mariño apunta a titular despois de varios partidos sen saír de inicio. Tampouco poderá estar Martín por lesión, ao igual que non puido estar contra o Negreira. Ademais, o Céltiga chegará con problemas ao partido xa que 24 horas antes terán que verse as caras Caldas CF, partido da Copa Deputación de Pontevedra.
Na primeira volta o Compos sumou os tres puntos, segundo partido consecutivo gañando con Fredi no banco. Joselu e Mariño sumaron os dous goles da victoria en cuestión de dous minutos. Ademais foi ese o primeiro partido no que o Compos entrou nos postos de promoción de ascenso, onde leva 19 xornadas xa.
Na pasada xornada, a Esedé sumou unha victoria importante na casa contra o Negreira con remontada agónica e gol de Joselu, que volveu á senda do gol no mellor momento posible. Ademais Tachi confirmou a súa gran calidade en balóns por enriba cun novo gol de cabeza. Pola súa parte, o Céltiga chega de perder en As Pontes por 3-2. Os goles arousáns foron de Janeiro, de penalti, e Cañi.
O partido será este xoves ás 17:15 no Salvador Otero da Illa de Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario