Máis preto do obxectivo

O Compos está un pouco máis preto do obxectivo despois de sumar os tres primeiros puntos fóra da casa nesta segunda volta na Illa de Arousa. Contra un dos equipos que loitan por manterse na categoría, a Esedé tivo algún que outro problema pero Marcos, que inaugurou o seu casilleiro, e Tachi superaron ao gardameta para sumar tres puntos máis cos que o equipo santiagués volve á terceira posición da táboa. 
O partido comezou con un gran ritmo. O Compos tiña o control do esférico e só faltaba superar a defensa arousana. E, para pechar bocas, Marcos Suárez fixo o primeiro coa cabeza tras un córner para abrir o partido da mellor forma posible. Un gol importante tanto para o dianteiro como para o rumbo do encontro. 
Sen embargo, a ledicia apenas durou uns minutos. O Céltiga buscou o empate sen dubidalo nin un segundo e só cinco minutos máis tarde chegou o empate cun disparo dende fóra da área ante o que Adrián non puido facer nada. Un gol importante pero con moito tempo para reaccionar os branquiazuis. E a partir de aí dominio compostelanista. 
Joselu, Marcos e Yahvé tiveron nas súas botas as mellores ocasións para poñer ao Compos de novo por diante tanto antes coma despois do descanso. Pola súa parte, o Céltiga chegou pouco pero con perigo, aínda que sen incomodar a Adrián. 
Co tempo o partido foi perdendo intensidade e o terreo de xogo foi cada vez a peor debido á chuvia caída durante estes días e durante o transcurso do partido. O balón seguía en poder do Compos pero con pases cada vez eran máis lentos polo mal estado do terreo de xogo. 
E a falta de vinte minutos apareceu o salvador. Ese xogador que leva tres partidos anotando. Un central que sabe moi ben o que é marcar goles e dar puntos á Esedé, sempre que marcou o equipo rematou con puntos. E de novo fíxoo tras un saque dende a esquina, aínda que non coa cabeza. Esta vez demostrou que cos pés tamén sabe facer goles e para manter ese dato que agora parece cobrar importancia. 
Un gol que matou definitivamente o encontro e fixo que os tres puntos viñeran para Santiago. Volta ao terceiro posto e con nove días para pensar no Narón, que se perde en San Lázaro podería estar xa cos dous pés en Preferente. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Catú, Tachi, Jimmy; Gonzalo; Jordan -Peláez, min. 60-, Yahvé, Manu Rodríguez -Mariño, min. 73-; Marcos Suárez -Franqueira, min. 60- e Joselu. 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-1 9' Marcos Suárez, 1-1 16' Groba, 1-2 71' Tachi. 
ESTADIO: Salvador Otero. 500 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario