Como era de agardar, o equipo local foi superior nos primeiros vintecinco minutos de xogo contra un Cerceda moi ben situado no terreo de xogo. Sen embargo, a sorpresa chegou moi cedo, antes de comezar o partido. E é que tanto Joselu coma Manuel Castiñeiras estiveron no banco. O posto do '22' ocupouno Marcos Suárez, que se viu superado por momentos pola defensa visitante en velocidade.
Co tempo as chegadas eran cada vez máis perigosas sobre a portería roxibranca e foi cobrando importancia Yahvé, que con dous partidos en San Lázaro xustificou a súa fichaxe. O vigués foi de máis a máis aínda. Sempre mellorando, facéndoo todo en ataque e gozando das mellores ocasións.
O '7' pasou de xogar pola banda por detrás de Marcos Suárez a facelo como dianteiro centro e facer o primeiro gol do partido. Bo pase de Martín e Yahvé non dubida diante do porteiro para firmar o primeiro gol da tarde mediado o primeiro tempo.
Ata o descanso, o Compos mantivo a seguridade en defensa e no ataque buscaron un segundo gol que non chegou antes do final dos primeiros corenta e cinco minutos, aínda que Jimmy estivo moi preto de bater ao gardameta na última ocasión da primeira metade.
Na segunda metade Yahvé e Marcos perdoaron máis ocasións provocando os primeiros murmullos nas bancadas recordando eses malos resultados colleitados na casa despois de non saber facer un segundo gol. E non houbo mellor ocasión para calar esas voces que dende os once metros. Man de Noé dentro da área despois dun disparo de Yahvé e penalti e expulsión.
E aí chega o primeiro "pero" do partido. Antes de que ninguén intentase transformar o penalti, Fredi fixo caso á afección e sacou a Joselu. Sen embargo, o erro foi mandar ao dianteiro que tirase o penalti cando non levaba nin dez segundos no terreo de xogo. Unha presión engadida para o de Riveira, que mandou o balón por enriba do longueiro, e mazazo para Gonzalo, que estaba preparado para disparar el.
Tras errar un novo penalti, Joselu dispúxose a facer outra das cousas que mellor se lle dan: desfacerse dos rivais por velocidade e poñer balóns aos compañeiros para que intentasen facer o segundo. Sen embargo, non tivo o seu mellor día, algo que non pode dicir Yahvé.
Autor do primeiro gol, importante no penalti e posterior expulsión do xogador do Cerceda e asistente no segundo gol e definitivo, aínda que iso tampouco foi todo o que fixo o ex do Rápido de Bouzas. No segundo, case sen tempo para a posible reacción visitante, puxo un gran pase para Diego Peláez, que demostrou unha gran facilidade tamén á hora de marcar nun un contra un.
A partir de ahí, cun cuarto de hora por diante, o Compos puido estar máis tranquilo, algo que puido facer que Adrián cometese algún que outro erro ao intentar xogar co esférico fóra da área e metendo o medo no corpo dalgúns afeccionados. Ademais, o Cerceda non puido rematar de peor forma posible que coa segunda expulsión por dobre amonestación de Xaco.
Por sorte, aproveitando unha boa xornada de resultados, o Compos chegará a Vilalba coa seguridade de saber que pase o que pase manterán un posto na promoción de ascenso.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Tachi, Catú, Jimmy; Germán, Gonzalo; Yahvé (Bautista, min. 81), Martín (Joselu, min. 61), Jordan (Peláez, min. 72); e Marcos.
CARTÓNS: Amarelos para Yahvé, Borja e Gonzalo.
GOLES: 1-0 21' Yahvé, 2-0 77' Peláez.
ESTADIO: San Lázaro. 800 espectadores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario