O Compos buscará este domingo en Vilalba dar un pase máis cara a Segunda B. Partido importante para os dous equipos xa que a Esedé quere os tres puntos para abrir un pouco máis a diferencia cos principais perseguidores. Pola súa parte, o Racing Vilalbés atópase na zona media da táboa tras comezar a tempada como un dos favoritos a estar entre os catro primeiros.
O Racing Vilalbés vai un pouco en caída despois dun gran comezo da tempada chegando a San Lázaro na primeira volta como equipo en promoción de ascenso. No posto doce, os lucenses reciben ao Compos con intencións de levarse tres puntos que non puideron facer en San Lázaro. Estamos a falar dun equipo que visitou a capital galega con 16 puntos fai xa 19 xornadas e no de agora só suman 20 puntos máis, algo que demostra o baixón do equipo que dirixe Cata. Tamén hai que destacar que na casa é un equipo sólido que sumou ata 21 puntos e 19 goles a favor contra 13 en contra.
Por sorte, Fredi terá algún problema máis á hora de confeccionar xa que recupera a Manu Rodríguez despois da lesión, unha gran nova. Polo tanto, só se mantén a baixa, tamén por lesión, de Mariño. Pola súa parte, Cata non conta con baixas para recibir ao terceiro clasificado.
Na pasada xornada, o Compos desfíxose do Cerceda nun partido onde o segundo gol fíxose esperar moito e no que Yahvé destacou por méritos propios. Pola súa parte, o Racing Vilalbés non puido saír de O Poboado con puntos ante un bo As Pontes. Dous goles de Iván González foron suficientes para que os locais puideran quedar cos tres puntos.
Na primeira volta, o Racing chegou cun Compos en plena transición con Ibán López no banco días antes de chegar Fredi á entidade branquiazul. Co segundo de Anxo Casalderrey ao mando do equipo, Joselu sumou o único gol do partido contra os vilalbeses nun novo partido onde o Compos rematou cun xogador menos tras a expulsión de Mariño.
O partido será este domingo ás 17 horas no campo de A Magdalena de Vilalba. Asubiará o colexiado vigués Extremadura Hernández, que xa asubiou o Compos-Pontevedra que rematou 1-1 cun penalti dubidoso no final do partido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario