A primeira final

Ata o final da tempada quedan once xornadas nas que o Compos ten que facer todo o posible por manterse nos postos de promoción de ascenso, obxectivo principal do equipo dende o comezo da tempada. Na primeira "final", os nosos teranse que ver as caras co Cerceda, outro dos favoritos a rematar entre os catro primeiros.
Esta primeira final en San Lázaro será entre o terceiro e o sexto clasificados. Dous puntos separan aos dous equipos polo que o Compos terá que volver ao camiño da victoria. Dous equipos que, sen embargo, están pasando por momentos diferentes. E é que a Esedé non pasa polo mellor momento da tempada mentres que o Cerceda remonta o voo despois dun mal comezo da tempada.
Sextos con 44 puntos, os albivermellos chegan a San Lázaro en plena resurrección. Levan catro partidos consecutivos sen perder e 8 partidos fóra da casa sen coñecer a derrota, o último foi na xornada 14 ante o Deportivo B en Abegondo. En xeral, o Cerceda suma 12 victorias, 8 empates e só 7 derrotas. Aínda así estamos a falar do equipo menos goleador da metade alta da táboa e, xunto co Compos e o Celta B, o terceiro equipo que menos goles recibiu. E falando un pouco máis a nivel individual, Kike Cubas é o máximo goleador do equipo con 5 goles ata o de agora.
Para este partido, Fredi non poderá contar con Manu Rodríguez nin Mariño por lesión. Nogueira e Tachi xa poderán estar de novo ao mando do adestrador branquiazul. No outro lado, o Cerceda chegará a San Lázaro sen baixas por lesión nin sanción. 
Na primeira volta, o Compos chegou a O Roxo con intencións de sumar a primeira victoria lonxe de Santiago da tempada. Sen embargo, foi un partido aburrido, con pouco que contar, sen moito xogo e no que o que menos fallou levouse os tres puntos. Victoria para o equipo local pola mínima grazas a un gol de Alberto Vía Rápida a vinte minutos para o final do encontro. 
En canto ao estado no que chegan os dous equipos, o Compos empatou na visita ao Morrazo contra un Alondras que tampouco fixo nada por levarse os tres puntos. Pola súa parte, o Cerceda desfíxose do As Pontes por dous goles a cero obra de Marcos Remeseiro e Pablo Antas. 
E cabe destacar que para algúns dos nosos xogadores será un partido un tanto especial. Franqueira, Joselu, Manuel Castiñeiras, Mariño e Bautista volverán verse as caras cun dos equipos do seu pasado. 
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro e asubiará o catalán Rodríguez Portoles. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario