A Esedé foi mellor, puxo o ritmo ao partido e manexou ao seu antoxo o balón. As ocasións nas dúas porterías sucederonse sen xogo no centro do campo. E aos vinte minutos de xogo comezaron as mellores ocasións para o Compos. Yahvé, Joselu e Marcos Suárez foron os encargados de poñer en apuros ao gardameta local. Sen embargo, tras superar á defensa vilalbesa, o máximo rival non foi o gardamallas senón a madeira.
Pola súa parte, o Racing Vilalbés non fixo máis que meterse atrás, defender e intentar saír ao contraataque. Non conseguiron crear serio perigo sobre a porta defendida por Adrián nos primeiros corenta e cinco minutos pero tampouco había que confiarse de cara á segunda metade.
Na segunda parte, o Racing tivo a primeira ocasión á contra pero sen crear excesivo perigo. E co tempo, Fredi foi facendo trocos de carácter ofensivo. Entre eses trocos atópase o retorno de Manu Rodríguez despois da lesión. Ao igual que Diego Peláez, que tamén foi un dos que entraron no segundo tempo, e Joselu, colgou bos balóns á área sen atopar rematador que fixera o primeiro.
Houbo que agardar media hora para ver o primeiro, e máis que merecido, gol do Compos. Setenta e cinco minutos buscándoo de tódalas formas posibles e este chegou a balón parado. Gonzalo pon un balón perfecto dende o curruncho e Tachi, que había subido unha vez máis nun córner, marcou coa testa un gol que parecía ser o que sentenciase o partido a prol do Compos ante un Racing insuficiente.
Pero en plena celebración branquiazul, só tres minutos despois do primeiro gol, chegou o empate local con erro defensivo incluido. Un novo contraataque rematou cun centro á área e Erni, que acababa de saír facía medio minuto, puxo o empate co que se chegou ao final do encontro.
Con dez minutos por diante, a entrada de Martín non foi suficiente para abrir a defensa. Metéronse atrás a defender, regalaron o balón ao Compos e agardaron ao pitido final do colexiado para sumar un punto máis e arrebatar o terceiro posto aos branquiazuis.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Tachi, Catú, Bautista (Martín, min. 82); Gonzalo, Jimmy, Yahvé, Germán (Manu Rodríguez, min. 55); Marcos (Peláez, min. 67) e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Marcos.
GOLES: 0-1 75' Tachi, 1-1 79' Erni.
ESTADIO: A Magdalena. 500 persoas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario