Medio derbi en San Lázaro

Este domingo comezan tres xornadas moi importantes para a Esedé. Tres partidos contra tres equipos da zona baixa da táboa dos que hai que sacar os nove puntos. O primeiro é o Negreira. Ese equipo onde triunfan grandísimos ex xogadores compostelanistas e que virá a Santiago coa única intención de levarse os tres puntos e afastarse dos postos de descenso a Terceira. 
O Negreira é o último equipo que se salva. Dende a décimo sexta praza, o equipo nicrariense promete dar moita guerra á Esedé. Levan catro partidos consecutivos sen perder e dende a chegada de Roberto Piñeiro e David Louro ao ataque poden contar con dous grandes dianteiros rápidos e perigosos. Sen embargo, non toda a tempada foi así. Ata o de agora suman só 8 victorias, 8 empates e 13 derrotas e non pasan de 28 goles a favor, 7 de eles obra de Diego Otero, e 41 en contra. Xa para rematar, hai que dicir que lonxe da casa non levan un bo camiño. De 15 partidos só gañaron 3 e empataron outros 3 ademais de sumar tan só 9 goles a favor e encaixar 24. 
Para este partido, Fredi só conta coa baixa por lesión de Martín e recupera a Mariño despois de varios partidos mancado. Pola súa parte, Paco non poderá volver a San Lázaro esta tempada co seu novo equipo por sanción. 
Si volverán á que foi a súa casa Rego, Roberto Piñeiro, David Louro e Munín, xogadores importantísimos da historia máis recente da nosa SD Compostela. Ademais, tres deles veñen sendo titulares durante toda a tempada e Rego podería ter minutos na que durante moito tempo foi a súa casa.
Como todos sabemos, na pasada xornada o Compos non puido pasar do empate en Vilalba con gol de Tachi incluido, que xa é un habitual nas xogadas a balón parado perigosas en ataque do equipo branquiazul aproveitando a súa altura. Pola súa parte, o Negreira puido rescatar un punto nos últimos minutos do partido ante o As Pontes grazas a un gol de Diego Otero a cinco minutos para o final.
E na primeira volta, xa con Fredi no banco, o Compos firmou a súa primeira victoria fóra de San Lázaro nun  estadio con moi boa chegada de afeccionados dende Santiago. Joselu por partida doble e Manuel Castiñeiras fixeron os goles dunha victoria moi importante coa que se empezou a crer no ascenso. 
O partido será este domingo ás 17 horas. Asubiará o coruñés Rodríguez Campos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario