Este domingo chega un partido deses nos que máis que tres puntos xógase o orgullo. Unha rivalidade entre dous equipos dende sempre que se demostra en cada partido que xogan sexa contra o Depor ou contra o Fabril. Un partido no que o corazón ten un papel moi importante. Ademais está en xogo a promoción de ascenso xa que os dous equipos loitarán ata o final da tempada por ter unha oportunidade para volver a Segunda B.
O Deportivo B ocupa a estas alturas a quinta posición da táboa a catro puntos do Compos, terceiro, e a un do cuarto clasificado, o Pontevedra. Un equipo moi forte na casa que só deixou fuxir 8 puntos de 33 que houbo en xogo no Mundo do Fútbol. Intratable ata o punto de que só encaixaron 9 goles e sumaron 24 dos 35 goles que os coruñeses levan ata o de agora. 11 partidos cun promedio de 8 victorias, 1 empate contra o Celta B na primeira xornada e 2 derrotas. Un equipo que ademais ten o mérito de ser o primeiro que conseguiu puntuar en San Lázaro esta tempada grazas a un empate sen goles. Ademais contan con Luis, máximo goleador do equipo con 7 goles anotados, e Marc Martínez, terceiro porteiro menos goleado da categoría.
Como xa dixen, na primeira volta ningún soubo abrir o marcador nun partido no que o Compos non puido contar con Joselu por sanción e no que ningún equipo atopou o nivel que acostuman. Un empate que deixou a todos contentos e, por primeira vez na tempada, cunha arbitraxe da que non houbo queixas. Daquela o colexiado foi un dos enviados polo colexio catalán nun dos intercambios entre árbitros galegos e cataláns.
De cara a este partido, Fredi non poderá contar con Nogueira, Manu Rodríguez e Yahvé por lesión, Martín por sanción e Catú e Germán por decisión técnica polo que o compañeiro de Manuel Castiñeiras no centro da defensa estará entre Tachi, titular nos últimos partidos e demostrando un gran nivel, e Rendo. Pola súa parte, no Fabril non estarán Ángel Martínez nin Marcos Caridad.
Pouco máis se pode dicir do partido destacado da xornada. Será este domingo ás 17 horas no Mundo do Fútbol de Abegondo. Arbitrará o ferrolán García Villaverde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario