A por outra victoria

O Betanzos chegará mañá domingo a San Lázaro sabendo que o Compos non pasa por un bo momento. Un equipo que aínda descoñece a victoria nesta segunda volta pero que mantén o bo xogo que fai que sigan en postos de promoción de ascenso. Sen embargo, o Betanzos, equipo que loita por alonxarse dos postos de descenso, tampouco pasa por unha boa xeira de resultados tras sumar tres derrotas nos tres últimos partidos. 
Os betanceiros ocupan a décimo cuarta posición na clasificación. 26 puntos, a dous do descenso, sumaron ata o de agora 7 victorias, 5 empates e 11 derrotas. Un equipo que mellora ante os grandes da categoría e que xa sumou un empate máis que importante contra o Pontevedra e victorias contra o Compos e o Fabril na primeira volta. Tamén se trata dun equipo que lonxe da casa só sumou 11 puntos grazas a tres victorias e dous empates. Falamos do equipo máis goleador da parte baixa da clasificación con 26 goles a favor pero tamén do terceiro equipo máis goleado só superado por Narón e Céltiga. Un equipo que se encomenda aos goles de Javi Otero, autor do gol da victoria contra o Compos. O máximo goleador do equipo sumou ata o de agora 5 goles, goles que excepto contra o As Pontes serviron sempre para puntuar. 
Para este partido, Fredi non poderá contar con Nogueira, Manu Rodríguez e Yahvé, mancados, nin Manuel Castiñeiras, que se perderá o primeiro partido da tempada por sanción. Ademais Franqueira será dúbida ata último momento por gripe. Pola súa parte, no Betanzos só contan coa baixa de Michi Leal por sanción.
Na primeira volta puidemos ver no Carregal un dos partidos máis raros do que vai de tempada. O Compos buscaba a primeira victoria fóra de San Lázaro e Joselu encargouse de encamiñala cun gol en menos de cinco minutos. Sen embargo, un gol de penalti dos locais e a expulsión do goleador branquiazul por, supostamente, insultar ao colexiado axudaron ao Betanzos a sumar unha victoria grazas, ademais, a un gol de Javi Otero a falta dun cuarto de hora. Un partido onde o colexiado Bilbao Vizcaíno demostrou os erros arbitrais contra a Esedé esta tempada, erros que se suceden cada semana. 
Este domingo, ás 17 horas en San Lázaro, asubiará o colexiado pontevedrés Loira Rodríguez. As entradas, como sempre estarán a 10 euros e a 5 para acompañantes de socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario