Un 'Clásico' do fútbol galego entre dous históricos que cumpriu as expectativas. Partido intenso e igualado por momentos aínda que con mellor xogo por parte do Compos, que non perdeu o medo ao partido en ningún momento e foi a polos tres puntos desde o primeiro minuto de xogo.
A primeira media hora de xogo tivo unha clara cor branquiazul. O Compos foi moi superior pero non tivo case ocasións que transformar. As máis claras foron para Manu Rodríguez, nun man a man contra o porteiro, e Joselu, que non puido aumentar a súa conta goleadora. E pola súa parte, o santiagués Manu Barreiro puido facer o primeiro tras un rexeite de Adrián Laureda.
A partir de aí o Racing mellorou e igualou as forzas coa Esedé antes do fin do primeiro tempo. Pero chegamos ao tempo de lecer sen goles por parte de ningún dos dous equipos. Corenta e cinco minutos intensos, con emoción pero sen goles que foron moi diferentes ao segundo tempo.
De feito, en cuestión de segundos, o Racing púxose por diante. Manu Barreiro pon un pase perfecto para Dani Rodríguez e este supera a Adrián cun bo gol. Un gol que foi máis que doloroso para un equipo que estaba moito mellor sobre o terreo de xogo.
Co resultado desfavorable, o Compos mantivo o nivel, a presión e Joselu tivo algunhas ocasións máis para facer o empate. Ademais, tanto Jimmy como Manu Rodríguez puxeron en apuros a Camacho pero sen obter ningún premio, máis que merecido polos nosos.
E para demostrar a superioridade compostelanista, o colexiado colaborou un pouco co Racing ao non pitar dous penaltis claros por man dentro da área visitante. Dous penaltis que puideron significar unha remontada tan merecida como necesaria para un Compos que mantén a terceira posición aínda que igualado a puntos co Fabril e o Somozas.
Para rematar hai que destacar a boa entrada en San Lázaro e é que nos partidos grandes, a afección santiaguesa non falla. Máis de mil persoas animando sen parar dende o primeiro minuto... e máis de mil persoas que puidemos ver como unha vez máis o Compos foi superado por un equipo no que colaborou o árbitro. E, como non, destacar tamén o debut de Marcos Suárez coa camiseta do Compos e o '10' ás costas.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Tachi, Jimmy; Gonzalo, Diego Peláez (Marcos Suárez, min. 61); Jacobo (Martín, min. 76), Jordan, Manu Rodríguez; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Borja, Gonzalo, Joselu, Marcos Suárez e Fredi.
GOLES: 0-1 46' Dani Rodríguez.
ESTADIO: San Lázaro. 1.500 espectadores. Boa chegada de afeccionados de Ferrol.

Ningún comentario:
Publicar un comentario