Derrota contra moitos factores

O Compos suma a primeira derrota dende a chegada de Fredi ao banco. Chega tras un mal partido en O Condús de Oleiros no que os santiagueses tiveron que loitar contra o Dorneda, o campo, o tempo e o colexiado, que de novo volveu a ter unha moi mala actuación equivocándose en diversas ocasións para os dous equipos. Unha derrota ante a que pouco máis se puido facer xa que os locais tiñan ao seu favor a experiencia de xogar no seu campo, un campo un pouco máis pequeno do que están acostumados os nosos e que pasou factura. 
A Esedé chegou a Oleiros coa mente posta en sumar os tres puntos e meter presión ao Celta B de cara ao partido da tarde. Un partido que pintaba moi complicado dende un principio e ao que houbo que sumar a chuvia, que non deu tregua durante os noventa minutos, e o vento, ás veces incluso determinante nalgunhas xogadas por alto. 
Foi un partido sen moitas ocasións e con moitas xogadas a balón parado, ás veces a mellor forma de chegar á portería rival. Un partido no que ao Compos costoulle entrar debido ao terreo de xogo pero que non soubo aproveitar o Dorneda no primeiro tempo, no que se topou tanto coa defensa, moi ben formada por Catú e Castiñeiras, coma con Adrián, que voltou tras o seu partido de sanción. No outro lado do campo, Mariño e Tachi tiveron as mellores ocasións a balón parado mentres que Joselu, que como é normal chegou como referente do equipo branquiazul, estivo sempre moi ben cuberto pola defensa local e apenas tivo espazos para crear o seu xogo espectacular que tanto namora ao mundo do fútbol xa non só galego. 
En cambio o segundo tempo comezou da peor forma posible. Dez minutos nada máis necesitou o conxunto local non só para poñerse por diante senón que ademais para poñer terra de por medio. O encargado de conseguilo foi Cheki, que tivo dez minutos de gran fútbol nas súas botas que aproveitou á perfección. El mesmo fixo o primeiro gol botando man da súa velocidade e axilidade e forzou o penalti, obra de Mariño, que transformaría Deza para deixar o partido practicamente sentenciado. 
A partir de aí, o Compos foise arriba con Germán como axudante de Joselu en labores ofensivas pero só Mariño e Tachi conseguiron incomodar a Manu a balón parado. Ademais puidemos ver algo bastante estraño. E é que Joselu errou un penalti que puido meter ao Compos no partido. Un penalti que intentou axustar demasiado á madeira e o vento fixo o resto para que finalmente o balón non entrase na porta local. 
Unha derrota que tocará contrarrestar coa victoria a vindeira fin de semana contra o Racing de Ferrol en San Lázaro no partido non só destacado da xornada senón incluso da tempada. Un clásico do fútbol galego do que só pode saír un gañador. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Catú, Bautista (Jimmy, min. 69); Mariño, Tachi; Peláez (Germán, min. 62), Louro (Jacobo, min. 62), Manu Rodríguez; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Borja e Mariño.
GOLES: 1-0 51' Cheki, 2-0 55' Deza.
ESTADIO: O Condús. 300 espectadores, boa chegada de afeccionados dende Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario