Sen palabras

O Compos sumou tres puntos máis de ouro nunha das saídas máis duras da tempada. Visita ao segundo clasificado da Terceira e victoria de infarto nos últimos minutos do encontro. Ademais, Joselu volveu a sumar dous goles máis e xa son 19 os que leva na súa conta persoal, máis da metade dos que suma todo o equipo. O primeiro da tarde foi de Jacobo Tato para igualar o partido nuns primeiros minutos tan espectaculares como os últimos. Victoria final da Esedé e tres puntos para escalar un posto máis aínda que cos mesmos puntos que o filial celeste. 
O partido comezou moi mal para os intereses compostelanistas. Camochu non necesitou máis de dous minutos para inaugurar o marcador cun gol despois dunha xogada pola banda esquerda de David Añón. Pero moi rápido respondeu Jacobo Tato para facer o gol do empate con gran xogada individual incluida. Sen embargo, co empate foi mellor o filial vigués que tivo un bo número de ocasións para poñerse de novo por diante. 
Pola súa parte, o Compos apenas tivo ocasións a balón parado no primeiro tempo para poñerse por diante con disparos, sobre todo de Mariño. Pero, como xa dixen, o Celta estaba mellor sobre o terreo de xogo e despois dun claro aviso de Rubén Martínez chegou o segundo gol para os locais, outro de Camochu despois dun rexeite de Adrián. 
No segundo tempo, o Celta B presionou moi ben a saída do balón do Compos e mantivo o perigo sobre a portería defendida polo ex do Pontevedra. Sen embargo, co tempo a Esedé foi comendo terreo ao filial celeste e tendo cada vez mellores ocasións para, como mínimo facer o empate. 
Manu Rodríguez topouse coa madeira e tanto Mariño, outra vez de falta, como Gonzalo mandaron os seus disparos ás mans do cancerbeiro facendo que cada vez desapareceran máis esperanzas santiaguesas de, como mínimo, puntuar. 
Pero apareceu el. A falta de cinco minutos para chegar ao minuto noventa, Joselu puxo en pé a afección compostelanista e firmou o empate. Golazo do mellor xogador de Terceira. O segundo maior goleador de España... e o que tamén fixo o terceiro.
Contra o equipo que o viu nacer, futbolísticamente falando, Joselu fixo o terceiro gol e definitivo. Saque de banda que bota Mariño e Joselu toca o xusto para que o esférico sobrepase a liña de gol. Un novo gol, o décimo noveno na conta do dianteiro insaciable de Riveira, e tres puntos máis para o Compos, que suma xa 13 puntos dos 15 posibles dende a chegada de Fredi ao banco compostelanista.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Castiñeiras, Germán, Bautista; Mariño, Gonzalo; Manu Rodríguez -Nejc Kolman, min. 87-, Jacobo -Nogueira, min. 75-, Martín -Louro, min. 62-; e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Bautista, Manu Rodríguez e Joselu. 
GOLES: 1-0 2' Camochu, 1-1 4' Jacobo Tato, 2-1 38' Camochu, 2-2 84' Joselu, 3-2 88' Joselu. 
ESTADIO: Barreiro. 600 persoas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario