Porque non só marca Joselu

O Compos sumou tres puntos máis nun partido no que Joselu non conseguiu ver porta por primeira vez en tempo. Goles de Gonzalo e Franqueira, xa no tempo engadido, para sumar tres puntos máis e manterse no máis alto da táboa por detrás dun Racing imparable aínda que mantendo un bo pulso co Celta B, que suma os mesmos puntos que a Esedé. 
No primeiro tempo Joselu encargouse de poñer en apuros ao gardameta do Barbadás en varias ocasións. Boas chegadas do mellor dianteiro de Galiza e o segundo mellor de España pero sempre freadas polo cancerbeiro e a defensa rozando nalgunhas o penalti, que se pidiu en dúas ocasións en San Lázaro. 
Manu Rodríguez, de novo moi correcto recuperando balóns, e Jacobo Tato tamén puideron gozar de boas ocasións para adiantar ao Compos nos primeiros corenta e cinco minutos aínda que sen a sorte e a puntería necesarias para sequera meter o balón entre os tres paus. Na outra parte do campo, o Barbadás non puxo en problemas a Adrián grazas á gran presión imposta pola defensa branquiazul.
Xa no segundo tempo, o Compos mantivo o mesmo xogo. Boa presión tanto diante como detrás. Perigo constante sobre a portería defendida polo ourensán Pablo pero os mesmos erros á hora de finalizar as xogadas. Un partido que careceu de emoción... e goles ata que se cumpriu a hora de partido. 
Ao igual que o terceiro da semana pasada en Vigo, onde o terceiro e definitivo gol chegou a raíz dunha falta, o primeiro de esta tarde chegou da mesma forma. Gonzalo foi o encargado de transformar unha falta directa nun novo partido onde o balón parado foi importante no xogo compostelán. Dispara o santiagués, o balón pasa por enriba da barreira, bota e despista ao porteiro que nada puido facer.
A partir de aí, o Compos mantivo a presión e as xogadas perigosas. Sen embargo faltaba algo. Faltaba o segundo co que sentenciar o encontro. Pero o tempo pasaba e o partido seguía aberto. Había que marcar un segundo para evitar outro susto como o do Pontevedra... e este chegou xa case co tempo cumprido despois de dúas boas chegadas de Joselu. O propio Joselu foi o asistente dende a banda para que Franqueira, sen demasiados problemas, superase ao gardameta ourensán por segunda vez no partido. 
Tres puntos máis importantes... e a pensar no Bergantiños, rival do Compos o sábado fóra de San Lázaro. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja Facal (Rendo, min. 84), Castiñeiras, Germán, Bautista; Gonzalo, Mariño (Franqueira, min. 45); Kolman (Uru, min. 73), Jacobo, Manu Rodríguez; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Jacobo, Kolman, Uru e Manu Rodríguez. 
GOLES: 1-0 61' Gonzalo, 2-0 89' Franqueira.
ESTADIO: San Lázaro. 700 espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario