O primeiro tempo deixou moito que desexar. O Compos tivo o balón durante os corenta e cinco minutos e o Órdenes limitouse a defender cun bo muro que, xunto coas imprecisións nos pases, fixo que os nosos non puideran gozar de boas ocasións para rematar o primeiro tempo por diante.
Joselu estivo a punto de facelo coa cabeza, Mariño intentouno dende lonxe e Manu Castiñeiras, moi activo en labores ofensivas, liouse e non chegou a disparar. Xogadas perigosas sempre chegadas dende o curruncho e comezadas por Gonzalo, que non puido sumar unha nova asistencia ao seu currículo.
Xa na segunda metade, o partido igualouse un pouco máis. O Órdenes foi máis valente e por pouco hai que lamentar algo serio. Un segundo tempo sen Manu Rodríguez pero con Diego Peláez, que volveu a xogar en San Lázaro meses despois. Pero a sorte volveu a estar en contra... e Joselu, Jacobo Tato e Mariño non conseguiron transformar as súas ocasións. Falta de acerto pero non intensidade, que non faltou ata o asubío final do colexiado.
Pola súa parte, o Órdenes tivo dúas claras á contra en dous man a man con Adrián. Pero o gardameta coruñés demostrou a súa calidade evitando unha sorpresa maior. Tanto Rendo coma Jimmy foron tamén importantes na segunda metade en labores ofensivas evitando dúas chegadas máis do conxunto visitante.
Reparto de puntos no último partido do ano e a pensar nas festas e no partido benéfico no vindeiro sábado contra o combinado de xogadores galegos.
ALIÑACIÓN: Adrián; Borja Facal, Castiñeiras, Rendo, Bautista (Mariño, min. 56); Gonzalo, Mariño; Jimmy, Manu Rodríguez (Diego Peláez, min. 46), Jacobo Tato (Franqueira, min. 73); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelo para Gonzalo.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: San Lázaro. 400 espectadores, entrada pobre.

Ningún comentario:
Publicar un comentario